Quim Torra insta Pedro Sánchez a negociar "de govern a govern"

Adeus ao 155

A toma de posesión do Govern Torra clausura a intervención estatal sobre o autogoberno catalán. Quixo o calendario político que o evento coincidise coa promesa de Pedro Sánchez do seu cargo de presidente. Nun emotivo discurso, Quim Torra apelou ao espírito do 1 de outubro -o referendo reprimido pola policía española-, e rendeu tributo aos líderes soberanistas presos ou exiliados.

govern
photo_camera Foto de familia do novo executivo catalán [Foto: Govern]

O 155 sobreviviu unhas horas ao Goberno Rajoy, o executivo que o activou o 27 de outubro de 2017 co apoio do PSOE e de Cs. Este sábado pasou a mellor vida ao tomar posesión un Govern que, tal e como exixía o estado español, estivese composto por persoas non atinxidas por causas xudiciais. Para a súa conformación Quim Torra tivo que dar un paso atrás e recuar sobre a súa intención inicial de nomear como consellers aos presos Josep Rull e Jordi Turull e aos exiliados Toni Comín e Lluís Puig.

O obxectivo final deste Govern é o mesmo que o que perseguía o anterior, o encabezado por Carles Puigdemont, a quen o soberanismo continúa a considerar o president lexítimo. Ou sexa, construír a República, "a casa de todos", e facelo desde xa, sen dar "nen un paso atrás", enfatizou no seu discurso Quim Torra.

"Os familiares [dos presos e exiliados] pagades máis que ningún o prezo da represión. Os presos e exiliados son un faro, un exemplo que fai abrir os ollos a toda Europa. Este Govern asume o compromiso de avanzar de acordo co 1 de outubro, isto é, un estado independente en forma de República", dixo o president da Generalitat. "Non será un camiño doado, hai intereses moi poderosos que tentan impedilo", acrecentou.

Recados a Madrid

Fóra da solemnidade do acto de toma de posesión, Quim Torra elixiu o marco dunha intervención perante o consello nacional do PDeCAT para interpelar o novo goberno español, o que lidera Pedro Sánchez após a triunfante moción de censura que derrubou Mariano Raxoi. Torra instou Sánchez á abertura dun diálogo de ti a ti, de "govern a govern"

Comentarios