Acusan de traizón 8 estudantes independentistas de Papúa Occidental

Os acusados izaron a bandeira da República de Papúa Occidental, prohibida por Indonesia, nunha conmemoración da fin da colonización holandesa en 1963.
Manifestante proindependencia. (Foto: Donal Husni / ZUMA press)
photo_camera Manifestante proindependencia. (Foto: Donal Husni / ZUMA press)

A Policía de Indonesia confirmou esta sexta feira que acusará do delito de traizón a oito estudantes detidos o pasado 1 de decembro despois dunha manifestación en Papúa Occidental en conmemoración do final da ocupación colonial holandesa en 1963, que consideran a data da súa independencia.

Durante a mobilización en Jayapura, capital da actual provincia indonesa de Papúa, no oeste da illa de Nova Guinea, un grupo de estudantes marcharon cara ao cuartel xeral da Policía cunha pancarta na que reclamaban autodeterminación e “deter o militarismo en Papúa Occidental”.

Bandeira prohibida

Alí izaron a bandeira da República de Papúa Occidental, coñecida como “estrela da mañá”, prohibida por Indonesia. O medio Suara Papua advirte que os cargos de traizón poden ser castigados con penas de até 20 anos de prisión.

“Houbo un acto categorizado como acto ilegal perpetrado por oito sospeitosos”, declarou o voceiro da Policía, Ahmad Musthofa Kamal, recolle Reuters.

Así como os estudantes, esta semana foron detidas 34 persoas por participar nas manifestacións en distintas partes da zona ocupada, que deixaron 19 persoas feridas pola represión policial.

Os arrestos foron criticados por Amnistía Internacional, o seu director en Indonesia, Usman Hamid, destacou que “ninguén debe ser detido simplemente por expresar pacificamente as súas opinións políticas”.

En xuño de 2020, un tribunal indonesio condenou a sete papúas por traizón, mentres que un dos principais persoeiros a favor da independencia do país, Filep Karma, estivo en prisión 11 anos por izar a bandeira prohibida até ser liberado en 2015.

Un referendo moi cuestionado

Os Estados Unidos, interesados en que Indonesia non se aliara coa Unión Soviética, dirixiron unhas negociacións en defensa dos dereitos indonesios sobre Papúa Occidental, permitíndolles ocupar o territorio ao marchar os holandeses até que decorrera un referendo de autodeterminación acordado pola Organización das Nacións Unidas (ONU).

En 1969, a ditadura en Indonesia dirixida por Suharto seleccionou 1.025 papúas dunha poboación de 800.000 persoas para que votaran sobre se aceptaban a soberanía indonesia. Tras ser coaccionadas, apoiaron por unanimidade as aspiracións do ditador, o que finalmente foi recoñecido pola ONU. Indonesia segue a defender que foi unha consulta lexítima.

Comentarios