Seis activistas da Flotilla e unha xornalista permanecen detid@s en Givon

As autoridades israelitas manteñen privadas de liberdade 7 das persoas que viaxaban no Marianne.

Pablo Miranzo
photo_camera [Imaxe Pablo Miranzo]

Após 4 días do apreixamento do Marianne, o principal buque da III Flotilla da Liberdade, o Estado de Israel aínda mantén en prisión 7 das 18 persoas que detidas no asaltamento do barco. 

No concreto, segundo informa Ship To Gaza Sweden, trátase da xornalista rusa Nadya Kevorkova (RT-television) e @s 6 activistas de Suecia: Charlie Andreason, Gustav Bergström,a xornalista e escritora Kajsa Ekis Ekman, o activista e músico Dror Feiler, o cociñeiro do buque Jonas Kårlin e o capitán Joel Opperdoes.

Segundo Ship To Gaza Sweden as persoas privadas de liberdade atópanse na cadea de Givon e poderían ser liberadas e deportadas ao longo da sexta feira após seren repatriadas na quinta o noruegués Herman Recksten e os dous cidadáns canadenses, Bob Lovelace e o maquinista Kevin Niesh. 

As informacións apuntan que o seu encerro se mantén logo de que se negasen a ser deportad@s individualmente. Exixiron facelo como grupo por seguridade. 

Ship To Gaza tamén difundíu nos últimos días as imaxes do asalto ao Marianne nas que se pode ver a soldados israelitas agredindo a tripulación da Flotilla, como narrou a portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, en conversa con Sermos Galiza logo de ser deportada a Madrid. 

Comentarios