O acordo entre a UE e Turquía, contrario á Convención de Xenebra

O dereito internacional prohibe a discriminación por país de orixe e a expulsión colectiva de persoas refuxiadas.

Acnur_Grecia
photo_camera [Imaxe ACNUR]

A legalidade do principio de acordo alcanzado entre a Unión Europea e as autoridades turcas a respeito das persoas que solicitan asilo en territorio comunitario está máis que en dúbida e, de facto, constitúe unha vulneración da Convención de Xenebra de 1951. 

Embora os puntos chave do pre-acordo deberán ser debatidos de novo nun encontro bilateral que terá lugar o 17 de marzo e axustados a dereito, din as autoridades comunitarias, o certo é que o plan da UE para as persoas refuxiadas non cumpre cos principios fundamentais que rexen o Estatuto do refuxiado. 

De que maneira o vulneran?

  • A exclusión de afgás e iraquianas

Artigo 3. Prohibición de discriminación. 

As autoridades europeas anunciaron que só recoñecerán a condición de refuxiadas a persoas de nacionalidade siria. Fican, neste senso, excluídas aquelas que proveñen do Afganstán e o Iraq --entre outros territorios. Porén, a Convención fixa expresamente a prohibición de discriminar as persoas solicitantes de asilo por razón de sexo, raza ou país de orixe sendo que só poderá serlles rexeitada tal condición se non cumpriren cos trazos que definen como tal a unha persoa refuxiada. Após coñecerse o avance nas conversas turco-comunitarias, nos campos de refuxiad@s gregos a poboación afgá amosou as súas dúbidas a respeito das razóns que motivan a súa exclusión. Como recolle o xornalista vasco deslocado no país heleno, Hibai Arbide na reportaxe 'Guerras de primeira e de segunda: que acontece cando os refuxiados non son sirios'. 

A UE só aceptará persoas sirias que teñan recoñecido o asilo por Turquía 

De acordo co comunicado asinado polos representantes da UE após a reunión co primeiro ministro turco, a comunidade europea só reasentará persoas sirias e, aliás, estabelecerá o principio dunha persoa refuxiada por cada unha que Turquía acolla procedente de Grecia. 

  • Indomeni e as restricións de circulación

Artigo 31. Refuxiadas que se atopan ilegalmente nun país de refuxio.

Os estados asinantes da Convención de Xenebra teñen a obriga de non aplicar restricións no movemento a aquelas persoas que, fuxindo dun territorio onde a súa vida ou liberdade estexa ameazada no senso previsto polo propio texto, cheguen de maneira ilegal.

As autoridades europeas fecharon o roteiro dos Balcáns

Neste senso, o fechamento das fronteiras balcánicas e o impedimento de que milleiros de persoas continúen o seu camiño desde Grecia cara á outros territorios da UE --como acontece na fronteira grego-macedonia de Indomeni-- vulnera o artigo 31 da Convención asinada pola UE que, para alén do máis, exixe ás autoridades do país receptor proporcionarlles todas as facilidades precisas para obteren a admisión noutro territorio "nun prazo razoábel" de tempo. 

  • Deportacións a Turquía e devolucións 

Artigo 32. Expulsión e 33, prohibición de expulsión e devolución. 

As autoridades europeas prevén a deportación colectiva das persoas que solicitan asilo e que actualmente se atopan en Grecia para que as súas solicitudes sexan revisadas neste país. De facto, esta práctica xa está a ser desenvolvida no mar por Frontex e pola NATO que devolven a Ankara as embarcacións que interceptan nas augas do Exeo. 

Xenebra obriga os estados asinantes a tramitar as peticións de asilo e de seren rexeitadas a proporcionar recurso de apelación

A Convención de Xenebra sinala que as expulsión só caben de maneira individualizada e de acordo cos procedementos legais en vigor, agás "razóns imperiosas de seguridade nacional", ás que poderían apelar desde a UE para lexitimar o pacto con Turquía. Neste senso, as expulsións deberán "permitir ao refuxiado presentar probas exculpatorias, formular recurso de apelación e facerse representar a este efecto perante a autoridade competente" ou "persoas designadas" pola mesma. Ao mesmo tempo, as persoas refuxiadas deberán contar cun prazo de tempo "razoábel" no que solicitar asilo noutro territorio. 

En ningún caso, sinala a Convención, estas persoas poderán ser devoltas aos territorios nos que a súa vida ou liberdade "corra perigo". 


 

Comentarios