A acordo entre a UE e Turquía comezará a aplicarse o domingo

As persoas refuxiadas que cheguen a Grecia a partir do 20 de marzo serán devoltas a Turquía. 

Gabriel Tizón_Idomeni
photo_camera [Imaxe GABRIEL TIZÓN]

A Unión Europea e Turquía pecharon esta sexta feira (18 de marzo) o acordo arredor das persoas refuxiadas e a súa implementación efectiva será inminente. 

Ambas as dúas partes prevén que as deportacións poidan comezar a executarse a partir da media noite do domingo (20 de marzo). 

As deportacións, di a UE, non serán colectivas senón individualizadas mais si que se acelerarán

Sobre o papel, os Estados membros e Ankara aseguran que as devolucións non se farán de maneira colectiva mais si acelerada após, sinalan, estudar os casos de maneira individualizada. Como garante o acordo implica no proceso ao Alto Comisionado das Nacións Unidas para as persoas refuxiadas (ACNUR) que, no entanto, censurou a proposta de deportar as refuxiadas. 

Turquía será pois catalogado como 'terceiro país seguro' por parte de Grecia, un carácter co que non conta actualmente e que lle exixe mudanzas lexislativas. Así mesmo, instáurase o principio 'un por un'. Reasentarase unha persoa siria que conte co estatuto de refuxiado en Turquía por cada persoa refuxiada que Ankara acepte como deportada. 

Turquía recibe a cambio 3 mil millóns de euros e a abertura de máis un capítulo de negociación na súa adhesión á UE

O obxectivo da UE é "disuadir" as refuxiadas de entrar de maneira "ilegal" en territorio comunitario toda vez que non existen pasaxes legais após o fechamento das fronteiras. Neste senso, afirman as autoridades europeas o proceso de deportación terá un carácter "temporal". 

Destarte, a UE comprométese a reasentar 72 mil persoas através do mecanismo 'un por un', unha cifra moi afastada das 160 mil que asumira en setembro de 2015 e das que só foron cumpridas 937. 

Como contrapartida Turquía tirou dos 28 estados membros da UE 3 mil millóns de euros en forma de axudas --Ankara pedía que estes se suplicaran inicialmente-- e a abertura dun novo capítulo nas negociacións de adhesión á Unión. 

Comentarios