A EXECUTIVA DE COMPROMíS NON RESPALDA A ALIANZA

O acordo de Oltra con Pablo Iglesias en Valencia incluía a marca Podemos na papeleta

A política de alianzas face ás xerais coloca Compromís á beira da ruptura. O sector maioritario -Bloc Nacionalista Valencià e independentes- non aceita a marca Podemos na papeleta. O partido de Mónica Oltra -Iniciativa- si.

compromís valencia
photo_camera Faixa de Compromís nunha mobilización

Iniciativa -partido minoritario dentro de Compromís, liderado por Mónica Oltra, referente institucional da coligazón como vicepresidenta do goberno autonómico- chegou á Executiva coa baza dun pre-acordo con Podemos e coa intención de convencer o BNV -que xa votara en referendo non ir ás xerais cos de Pablo Iglesias- de que a mellor opción para a organización era a alianza co partido dos círculos.

Todo pode pasar a partir de agora en Compromís, mesmo que rache

A proposta de Oltra non persuadiu o sector nacionalista de Compromís, maioritario na Executiva. Por dúas razóns. Primeira, porque a proposta de Iniciativa e Podemos implicaba aceitar a marca dos de Pablo Iglesias na papeleta. Segundo, porque embora o acordo fale da constitución dun grupo parlamentar propio os técnicos eleitorais do BNV consideran que o regulamento impediría a súa formación ao ter no seu seo, a eventual coligazón resultante, deputados pertencentes a unha formación estatal [de acordo coas regras da Cámara non poden facer parte de grupo parlamentar separado deputados dun mesmo partido, ou sexa, os deputados valencianos de Podemos terían de ir ás bancadas lideradas por Iglesias: non poderían ficar nos asentos de obediencia da marca pola que foron eleitos].

A reunión -que decorreu durante boa parte da tarde desta terza feira e que concluíu por volta das 22 horas- foi tensa. De acordo con fontes consultadas por Vilaweb, non é desbotábel que Iniciativa rache co Bloc e vaia adiante coa súa alianza con Podemos. Nesa tesitura, o BNV apresentaría candidatura propia. Sería o principio do fin de Compromís e poría en serio risco a estabilidade do goberno de coligazón co PSOE na comunidade autónoma.

Comentarios