Moscova nega un acordo formal de cesar o fogo, mais si hai pasos cara á pacificación

Primeiro Ucraína anunciou un acordo de cesar o fogo que tería sido alcanzado por Poroshenko e Putin en conversa telefónica. Logo chegou o desmentido de Moscova. Rusia alega que "non fai parte do conflito".

O goberno de Ucraína anunciou esta cuarta feira que se acadou un acordo de cesar o fogo permanente no leste do país, acordo atinxido após conversa telefónica entre o presidente ucraíno (Petro Poroshenko) e o seu homólogo ruso, Vladimir Putin.

“O resultado da conversa foi un acordo sobre un cesar o fogo permanente en Donbass (zona que atinxe as áreas rebeldes de Donetsk e Lugansk).

Pola súa banda, representantes da República Popular de Donetsk afirmaron que están dispostos a solucionar o conflicto con Kiev mediante a vía política se os militares ucrañinos "realmente cesan o fogo" segundo RT. Porén, Donetsk ten dúbidas de que todas as unidades militares que atacan esa área acaten as ordes de Kiev. "O presidente ucraíno non controla a todas estas unidades", opinan as milicias. 

Moscova, por súa parte, negou que houbese un acordo formal de cesar o fogo. O portavoz do Kremlin, Dmitri Peskov, declarou a Novosti: "Rusia non pode acordar o cesar o fogo porque non é parte do conflito".

Ofensiva das milicias populares

Porén, admitiu que na conversa telefónica entre Putin e Poroshenko sí se falou de "pasos que podan favorecer o cesar o fogo entre as milicias e os uniformados ucraínos".

O anúncio de Poroshenko chega nun momento delicado para Kiev, após as milicias populares teren lanzado no sul unha ofensiva que os tería colocado en disposición de recuperar o importante enclave de Mariupol.

A resposta de Poroshenko, segundo algunhas fontes, tería sido demandar o apoio militar da aviación da OTAN.

Comentarios