O acordo con Bruxelas divide Syriza mentres comezan nas rúas os primeiros protestos

O contido do pacto para o terceiro resgate vai ter unha difícil dixestión para o executivo grego. Un sector dos deputad@s da gobernante Syriza votarán en contra do acordo e sindicatos do sector público convocan unha greve contra un pacto "humillante". 

Tsipras

"Non é un acordo, é unha capitulación". Nikos Chountis é o primeiro deputado de Syriza en demitir en desacordo co pacto acadado esta segunda feira entre Atenas e Bruxelas para o terceiro rescate grego. Non é a única voz discordante co acordo dentro da coligazón que sostén o goberno grego. Unha formación onde as medidas e recortes comprometidos caeron como unha bomba. A corrente de esquerdas de Syriza, coñecida como 'A Plataforma', xa cualificou no seu voceiro o pacto atinxido de "memorando de destrución dun país". E o ministro Panos Skurletis, que na segunda feira vaticinara eleccións anticipadas, chamou a demitir. Diversos medios europeos cifran por volta de 30 deputad@s @s que desde as fileiras de Syriza votarán non ao acordo. A coligazón ten na actualidade 149 parlamentares. Algún deles, como D. Kordelas, xa anunciou que votará en contra do acordo e paso seguinte renunciará ao escano.

Malia todo, en principio non semella que a necesaria aprobación do acordo na Cámara helena vaia complicarse. Nova Democracia, Pasok e o centrista To Potami suman 106 escanos. Tsipras precisaría 45 máis, de 162 restantes entre Syriza e o seu socio Anel. Precisamente o ministro de defensa e líder de Anel, P. Kammenos, anunciou que o seu partido votará "só a prol dalgunhas medidas", mais quixo deixar claro que "seguiremos apoiando o goberno".

Mais cadrar a aritmética parlamentar non é o único problema que ten o primeiro ministro Alexis Tsipras. O primeiro ministro vai sofrer esta cuarta feira, día da votación do acordo, unha greve de 24 horas convocada pola confederación de sindicatos de traballadores do sector público (Adedy). Un protesto contra un acordo que, advirten, vai devastar o país, que fai de Grecia unha simple colonia e que non sirve para solucionar os problemas existentes. Adedy fai un chamamento mesmo a ocupar edificios públicos en sinal de protesto.

Futuro

Analistas gregos e europeos pregúntanse que fará o primeiro ministro após o acordo pasar polo Parlamento. Se a 'rebelión' do sector esquerdista de Syriza vai pasar factura no goberno, algo do que poucos dubidan, que pasos dará Tsipras? sobre a mesa, segundo estes expertos, a convocatoria de eleccións anticipadas ou gobernar en minoría con apoios puntuais. 

Comentarios