Acordo Barcelona-Generalitat sobre o referendo mais sen cesión de locais municipais

Anunciouno Ada Colau no seu twitter. "En Barcelona se poderá participar o 1-O", afirma, mais, engade, "sen pór en risco nen a institución nen os funcionarios". Traducido: todo indica que o concello non cederá locais da súa titularidade para a ubicación dos colexios eleitorais.

Xavier Domènech e Ada Colau.
photo_camera Colau, nun acto dos comúns na compaña de Xavier Domènech

Os termos do acordo alcanzado entre o concello de Barcelona e o Govern -anunciado por Colau a meio dun chio e ratificado na mesma rede social por Puigdemont- non se coñecen neste momento. En todo caso, o goberno local afirma que si cumpre co seu compromiso, o de facilitar a participación o 1-O. Cumpre lembrar a este respeito que para os comúns o que vai haber non é un referendo -pois, alegan, carece de garantías e de recoñecimento legal e internacional-, senón unha mobilización cidadá.

Todo indica que, a diferenza dos concellos investigados pola Fiscalía, o de Barcelona non cederá a súa infraestrutura propia para acoller os locais de votación o 1 de outubro.

Esta mesma quinta feira, sóubose que Ada Colau recebera un ditame xurídico do secretario do concello de Barcelona en que se ditaminaba que a cesión de locais municipais para a realización do referendo podería resultar en consecuencias de carácter penal.

Comentarios