ACNUR sitúa no 10% a cifra de persoas refuxiadas en situación de vulnerabilidade

Reclama que sexan reasentadas. Entretanto, Grecia adía a execución do acordo con Turquía.

06-05-2015Greece_Migrants
photo_camera [Imaxe Nacións Unidas]

Esta cuarta feira decorre en Xenebra unha cimeira internacional sobre a crise de persoas refuxiadas. No marco deste encontro o Alto Comisionado das Nacións Unidas, ACNUR, cifrou en un de cada dez (dun total de 4,8 millóns) o número de refuxiadas sirias que se atopan en situación de vulnerabilidade nos campos localizados nos países veciños --principalmente Xordania, Líbano e Turquía-- polo que deberían ser reasentadas nos vindeiros tres anos. 

A cimeira prevé abordar as fórmulas para levar a cabo o reasentamento destas persoas

Cumpre lembrar que, segundo os dados fornecidos pola Comisión europea, a UE só reubicou 937  persoas das 160 mil que se comprometera no mes de setembro. De entre elas, unicamente 18 no Estado español embora ter asumido unha cota de máis de 8 mil en dous anos. 

Na Conferencia de Xenebra participarán 92 países, seis organizacións internacionais, 14 axencias da ONU e 24 ONG. Tamén o secretario xeral, Ban Ki-moon e o responsábel de ACNUR, Filippo Grandi.

Na cimeira abordaranse as posíbeis fórmulas de reasentamento que poderían adoptar os estados como "traslados humanitarios, visados privados", "reunificacións familiares" ou "prácticas e programas de empreso", sinalan desde o Alto Comisionado. 

Grecia

O encontro prodúcese após a sinatura do acordo entre a UE e Turquía que prevé a deportación masiva de persoas refuxiadas desde Grecia. Neste senso e embora estar previsto o debate da aplicación deste acordo no Parlamento grego para esta cuarta feira, finalmente o goberno heleno decidiu adialo por mor das divisións internas en Syriza. 

A portavoz do goberno di que a lei será presentada "nos vindeiros días" e que "non recoñece Turquía ou outro país" como "terceiro país seguro"

Através dun comunicado conxunto diversas persoas da organización amosaron a súa oposición ás deportacións polo que a voceira do executivo, Olga Gerovasili, comunicou que se trasladará a proposta lexislativa "nos vindeiros días", sen concretar cando. Segundo Olga Gerovasili o bosquexo elaborado polo goberno "non recoñece Turquía ou outro país" como "terceiro país seguro" --un dos requirimentos que fan parte do acordo asinado entre o Consello europeo e Ankara. Porén, acrecentou a portavoz do goberno grego, "a lei porá como condición que un terceiro país só pode considerarse seguro" se "respectar o Tratado de Xenebra e non devolver os refuxiados" ao territorio do que fuxen, segundo recolle a axencia de noticias EFE. 

Cumpre lembrar que Turquía ten asinada a Convención mais non os protocolos anexos á mesma. Aliás, xornalistas deslocadas en Istambul sinalan que está a deportar a países en conflito, nomeadamente Afganistán, demandantes de refuxio. 

De acordo co documento asinado entre a UE e Turquía a catalogación de Turquía como 'país seguro' é un elemento chave para desenvolver as deportacións. 

Comentarios