Catalunya

Achegamento entre ERC e PSC? A formación republicana alcanza un preacordo para entrar no Goberno municipal de Barcelona

A militancia de ERC votará esta quinta feira se a formación entra finalmente no Executivo da capital de Catalunya.
O alcalde de Barcelona, Jaume Collboni, e a líder de ERC en Barcelona, Elisenda Alamany (Foto: Europa Press).
photo_camera O alcalde de Barcelona, Jaume Collboni, e a líder de ERC en Barcelona, Elisenda Alamany (Foto: Europa Press).

ERC alcanzou un preacordo no Concello de Barcelona co Goberno socialista de Jaume Collboni para "un programa de goberno conxunto e progresista", acompañado dun principio de acordo para a nova composición do Executivo, que a formación republicana consultará á militancia, previsibelmente esta quinta feira.

Así o anunciou a Federación de ERC Barcelona (liderada por Elisenda Alamany) nun comunicado a última hora da terza feira despois dunha reunión da executiva da federación, que durou das 19 até as 23 horas aproximadamente, saltando a nova nos últimos minutos do día.

Nesta reunión decidiron someter a votación da militancia a incorporación de ERC ao Goberno municipal de Collboni tras este principio de acordo, que se someterá a debate e a validación "nos próximos días" (exactamente esta quinta feira, segundo sinalan algúns medios).

O principio de acordo contempla que ERC xestione unha parte importante das áreas de Goberno da capital de Catalunya, como as de promoción económica, dereitos sociais, turismo, mocidade, lingua catalá, proxección de cidade, maiores ou calidade urbana.

Negociacións retomadas tras as eleccións europeas

ERC e PSC iniciaron hai "uns meses" as conversacións para explorar un posíbel acordo para gobernar Barcelona e, con esta posibilidade no horizonte, a formación republicana organizou varios encontros e debates en casais onde a militancia debateu sobre o diagnóstico actual da cidade e a estratexia municipal de futuro.

Desde ERC afirman que foi "un proceso con resultados positivos e que confeccionou un sentido compartido entre todas as sensibilidades do partido na cidade" sobre o rumbo que debía tomar a organización e o grupo municipal.

Defenden que "ERC estivo sempre para falar da cidade e do modelo que debe ter Barcelona" e que por iso deu prioridade á negociación dun acordo de orzamentos que influíse na gobernación da cidade e que reflectise o que ERC quere para Barcelona.

Neste contexto, ERC e PSC retomaron as conversacións unha vez pasadas as eleccións catalás do 12 de maio e as europeas do 9 de xuño, que desencadearon neste preacordo. Agora fica no ar se estas conversas desembocarán nunha posibilidade de entendemento de cara á investidura dun novo presidente da Generalitat de Catalunya, unha vez que Salvador Illa (PSC) precisa os votos republicanos para gobernar.

Comentarios