Accidente 'reivindicativo' contra a sede do Goberno de Alemaña

Por outra banda, o Executivo que preside Angela Merkel propuxo esta cuarta feira o 26 de setembro de 2021 como data para as eleccións xerais no país.
O coche, nas inmediacións do edificio, retirado por un bombeiro (Foto: Michael Kappeler / dpa)
photo_camera O coche, nas inmediacións do edificio, retirado por un bombeiro (Michael Kappeler / dpa)

Un vehículo estrelouse hoxe pola mañá contra o enreixado exterior da Chancelaría de Alemaña, onde ten a súa oficina Angela Merkel, en Berlín, segundo informou en Twitter a Policía, que xa detivo o condutor. Nunha mensaxe posterior precisou que o detido é un home de 54 anos, mais non ofreceu detalles adicionais sobre a identidade ou os motivos da acción. Non obstante, fontes da investigación sinalaron á axencia de noticias DPA que o condutor xa cometera un delito similar no ano 2014.

En febreiro dese ano, o mesmo vehículo, que naquela ocasión portaba unha mensaxe sobre os riscos do cambio climático e a declaración de amor "Nicole, quérote", tamén chocou contra a porta da Chancelaría.

O portavoz da Policía, Thilo Cablitz, non quixo confirmar a relación entre ambos os sucesos e precisou que os investigadores continúan a analizar a saúde mental do sospeitoso, posíbel motivo dos feitos, manifestou.

Nas imaxes do incidente que circulan polas redes sociais pódese ver os axentes inspeccionando o vehículo de cor escura con mensaxes pintadas en branco. Nunha delas lese "malditos asasinos de nenos e anciáns" e noutro "parade a política da globalización".

Unha persoa resultou ferida no suceso e foi atendida no lugar no interior dunha ambulancia. Tanto o vehículo como a porta metálica contra a que chocou non sufriron danos de importancia, segundo as imaxes.

Merkel estaba a manter unha reunión no interior do edificio co seu gabinete no momento en que se produciu o suceso.

Data das eleccións xerais

Precisamente nesa xuntanza acordouse solicitar formalmente que as próximas eleccións parlamentarias, que marcarán o final da era de Merkel como presidenta do Goberno, sexan o 26 de setembro de 2021.

O ministro do Interior, Horst Seehofer, xa propuxera esta data a semana pasada tras falar cos Gobernos dos 16 länder (Estados federados) e cos partidos con representación parlamentaria. Agora só resta a promulgación por parte do presidente de Alemaña, Frank-Walter Steinmeier.

Os comicios estarán marcados pola ausencia de Merkel como candidata pola Unión Cristiá Demócrata (CDU), que ten pendente elixir o seu novo líder. O favorito é o xefe do partido na Cámara Baixa, Friedrich Merz.

Comentarios