Discurso de Aragonès

A abstención de Junts tombará a primeira votación da investidura de Aragonès

Afrontar as urxencias agravadas pola Covid-19, impulsar a reconstrución económica e resolver o procés catalán a través da amnistía e a autodeterminación. Eis as pedras angulares do discurso pronunciado na sexta feira por Pere Aragonès (ERC), candidato á Presidencia da Generalitat de Catalunya.

EuropaPress_3621674_candidato_erc_presidencia_generalitat_vicepresidente_govern_funciones_pere
photo_camera Pere Aragonès, durante a súa intervención na primeira sesión de investidura á Presidencia (Imaxe: David Zorrakino / Europa Press).

Pere Aragonès, candidato á Presidencia da Generalitat, expuxo desde as 10.45 desta sexta feira o seu programa de Goberno no pleno de investidura ao Parlament de Catalunya. O debate comezou 45 minutos tarde polas peticións de reconsideración sobre o voto delegado do parlamentario exiliado Lluís Puig (Junts). De feito Ciutadans anunciou a súa intención de seguir xudicializando a política en Catalunya e de levar o voto de Puig ao Tribunal Constitucional.

No seu discurso, Aragonès salientou que o seu Govern terá tres obxectivos principais: “Afrontar con total determinación as urxencias e a desigualdade aumentadas por crise provocada pola Covid-19, impulsar a reconstrución económica do país e encamiñar a resolución do conflito político co Estado español facendo inevitábel a amnistía e a autodeterminación”.

“Estes serán os compromisos polos que me gustaría que me avaliasen. Debemos atopar solucións conxuntas e saídas compartidas”, sinaloi.

O candidato á presidencia referiuse á “profunda crise social e económica e unha silenciada crise emocional” provocada pola pandemia e tamén á “a crise democrática que ameaza con cronificarse”.

Catalunya conta con máis de medio millón de persoas no paro, cunha taxa do 13,9%, unha cifra que sobe ao 15% entre as mulleres e ao 30% entre a mocidade de entre 18 e 24 anos: “Esta é a crise que está a dividir Catalunya. É a división que debemos combater”, dixo.

Neste contexto, apelou á necesidade de reforzar os servizos públicos e prometeu que, nos primeiros 100 días de Govern, mobilizará 700 millóns de euros para facer fronte á emerxencia e un investimento de máis de 5.000 millóns na sanidade pública, con especial relevancia na atención primaria.

Así, nun discurso con fondo contido social, tamén aludiu a cuestións como a vivenda, a fenda dixital, a igualdade, a educación, a renda básica, o modelo policial, a emerxencia climática e a unha banca pública.

Referendo

Con respecto ao conflito político, remarcou a súa aposta por un referendo no que a cidadanía de Catalunya poida elixir o futuro que desexa.

“Somos unha maioría independentista a favor da amnistía e a República Catalá. Somos unha ampla maioría que sabe que a resolución do conflito co Estado pasa por un referendo, a liberdade dos presos e o regreso dos exiliados”.

Así, apostou nunha mesa de diálogo co Goberno de Madrid. Explicou que non pode prometer unha resolución inmediata, mais insistiu na idea de non “cronificar” o conflito. “Podemos atoparnos na represión ou na solución. E a solución é votar”, aseverou.

Primeira investidura falida

Aragonès conta co apoio do seu partido, ERC, e da CUP. Un acordo avalado pola militancia da CUP e das organizacións que a acompañaron nas eleccións. En total, suma 42 deputados e deputadas.

De todas as maneiras, a investidura resultará falida nesta primeira sesión, pois Junts anunciou que se absterá, á espera da segunda volta. O resto dos grupos -PSC, Vox, En Comú Podem, Ciutdadans e o PP- votarán previsibelmente en contra.

Comentarios