Histórica abstención e avanzo da ultra-dereita nas eleccións municipais francesas

A desafección política marca a primeira volta das eleccións municipais en Francia que obtiveron unha participación do 60%. A dereita consolídase e deixa o PS de François Hollande sen boa parte dos gobernos locais. 

Marine Le Pen
photo_camera Marine Le Pen

Os resultados das eleccións municipais decorridas esta fin de semana en Francia reflicten o avanzo da ultradereita no país e a desafección política dunha parte importante do electorado que desbotou tomar parte nos comicios. A abstención rexistrada alcanzou niveis históricos situándose no 38,5% fronte o 33,46% de 2008. 

Os resultados electorais amosan o avanzo da Fronte Nacional, a organización política liderada por Marine Le Pen. A ultradereita fíxose coa alcaldía de cidades como Perpiñán, Aviñón, Forbach, Béziers, Fréjus ao superaren na primeira volta o 50% dos votos emitidos válidos. No cómputo total Le Pen obtivo o 4,65% dos apoios. 

O avanzo da ultra-dereita consolídase cos resultados colleitados nas eleccións municipais após obteren o 18% dos votos nas eleccións presidenciais. Para a súa líder, Marine Le Pen a primeira volta das eleccións locais reflicte "o fin do bipartidismo francés". 

En troca, as urnas castigaron a xestión política do partido no goberno do Elíseo e fixeron perder ao Partido Socialista de François Hollande boa parte dos gobernos municipais cos que contaba. O espazo que deixa o voto de castigo @s socialistas (37,7% dos votos segundo os dados do Ministerio de Interior francés) gañárono as formacións do centro-dereita a comezar pola Unión por un Movemento Popular (UMP) que obtiveron o 46,5% das papeletas. 

Comentarios