Brasil

Absolven Lula e Rousseff de suposto financiamento ilícito do partido

O xuíz criticou duramente a denuncia, salientando que hai ausencia de probas e definíndoa como un “intento de criminalizar a actividade política”.

lula-dilma
photo_camera Dilma Rousseff e Lula da Silva [Europa Press]

A Xustiza de Brasil absolveu os ex presidentes Luiz Inácio Lula da Silva (2003-2011) e Dilma Rousseff (2011-2016), entre outros acusados, no caso coñecido como “quadrilha do Partido dos Traballadores (PT)”, en que a Fiscalía os culpaba de formar unha organización criminal para financiar a formación política.

O xuíz federal Marcus Vinicus Reis Bastos absolveu tamén Antonio Palocci, Guido Mantega e Joao Vaccari Neto. Palocci e Mantega foron ministros de Economía nos gobernos de Lula e Rousseff, mentres que Vaccari Neto foi o tesoureiro do PT.

Segundo a denuncia que presentou en 2017 o ex procurador xeral da República Rodrigo Janot, os anteriormente citados traballaran de forma conxunta e coordinada para esquilmar os cofres da empresa semiestatal Petrobras.

Na decisión, o xuíz Bastos critica duramente a denuncia, salientando que hai ausencia de probas e definíndoa como un “intento de criminalizar a actividade política”. O pasado outubro, o Ministerio Público Federal xa pedira a absolución de todas e todos os implicados por considerar que non existían elementos que configurasen a suposta organización delituosa.

Este é só un dos varios procesos por corrupción abertos contra dirixentes do PT . Lula da Silva está condenado a 12 anos polo caso do apartamento de Guarujá, mais foi posto en liberdade polo Tribunal Supremo ao considerar que ninguén pode estar preso até que esgote todos os recursos posíbeis. A semana pasada, tamén foi condenado ─condena non firme─ a 17 anos de cárcere no caso da leira de Atibaia.

Comentarios