A absolución de Trapero desmonta outras condenas

A absolución de Josep Lluís Trapero e a cúpula política da policía catalá deixa sen sustento outras condenas do procés, como a de Joaquim Forn. 

O ex conseller de Interior da Generalitat de Catalunya, Joaquim Forn (Foto: Pau Venteo / Europa Press)
photo_camera O ex conseller de Interior da Generalitat de Catalunya, Joaquim Forn (Foto: Pau Venteo / Europa Press)

A resolución da Audiencia Nacional (AN) coa que fica absolto o maior dos Mossos d'Esquadra, Josep Lluís Trapero, e a cúpula política da policía catalá deixa sen sustento a condena a 10 anos por sedición que está a cumprir o ex conseller de Interior da Generalitat, Joaquim Forn. 

Trapero fora acusado pola Fiscalía primeiro de rebelión, logo de sedición e despois de desobediencia polo seu suposto papel para facilitar que se levase a cabo o referendo de autodeterminación de 1 de outubro de 2017. Finalmente ningúns deses delitos son probados nin no seu caso nin no da cúpula da Consellaría de Interior que mandaba sobre os Mossos, caendo así ese relato dunha "policía ao servizo da república".  

Desta maneira, coa absolución de Trapero e da cúpula de Interior cae un dos principais motivos da acusación da Fiscalía contra Joaquim  Forn: a suposta utilización do corpo  policial para organizar o referendo e permitir a xente votar. Con todo, ao Forn ser condenado polo Tribunal Supremo español a vía pra recorrer a condena do ex conseller sería empregar a sentenza da Audiencia Nacional que absolve o maior dos Mossos e os mandos de Interior ante o Tribunal dos Dereitos Humanos da Unión Europea. 

A absolución de Trapero chega na mesma semana en que o Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya castigaba catro integrantes da la Mesa do Parlament de Catalunya por tramitar as leis de desconexión por mandato democrático da Cámara. Lluís Corominas, Anna Simó, Ramona Barrufet e Lluís Guinó resultaron condenados a 20 meses de inhabilitación e multas de 30.000 euros. 


 

Comentarios