Absoltos dous ex militares do asasinato dun membro do IRA en 1972

 A Fiscalía de Irlanda do Norte prevé levar a xuízo outros casos en que estiveron implicados membros das forzas de seguridade durante os 'Troubles',
EuropaPress_3599111_free_derry_corner_escenario_varios_episodios_conflicto_armado_irlandes
photo_camera Murais na cidade norteirlandesa de Derry (Foto: Deirdre Hamill / Zuma Press)

Dous ex soldados británicos acusados pola Fiscalía de Irlanda do Norte de asasinar un dirixente do Exército Republicano Irlandés (IRA) en Belfast en 1972 foron absoltos por un tribunal da provincia británica.

Os ex militares, de 72 e 70 anos e identificados só como "Señor A" e "Señor C", respectivamente, foran acusados do asasinato de Joe McCann, que tiña 24 anos cando foi tiroteado por membros dunha patrulla do Rexemento de Paracaidistas.

A Fiscalía presentou os cargos en 2016 a partir dos testemuños ofrecidos polos propios sospeitosos en 2010 ao Equipo de Indagacións Históricas (HET), unha unidade creada en 2006 polo Servizo de Policía de Irlanda do Norte (PSNI) para investigar uns 2.000 asasinatos non resoltos do conflito.

O xuíz instrutor, John O'Hara, determinou hoxe na súa sentenza que detectara irregularidades nese proceso de obtención de declaracións e decretou a absolución.

Tras coñecer o veredicto, a filla de McCann, Aíne, afirmou que o Estado "fracasara" á hora de impartir xustiza para o seu pai "e para moitas outras familias" de vítimas das accións das forzas de seguridade durante o conflito.

Exonerados en 1972

McCann era un destacado líder en Belfast do chamado IRA Oficial, a facción dominante ao comezo do Troubles. O dirixente foi tiroteado por unha patrulla do Exército británico en Joy Street, no centro de Belfast, mais a investigación do Royal Ulster Constabulary (RUC), un corpo policial formado entón case exclusivamente por protestantes e considerado sectario, decidiu exonerar os militares.

Malia o revés, a Fiscalía prevé levar a xuízo outros casos en que estiveron implicados membros das forzas de seguridade, como o asasinato de 14 manifestantes a mans do Exército británico en 1972 en Derry, no chamando "Domingo Sanguento".

Comentarios