Abre a capela ardente do arcebispo surafricano Desmond Tutu

Perante o temor a unha avalancha de persoas, o Goberno de Suráfrica prolonga até hoxe a capela ardente que abriu a quinta feira. O enterro do loitador contra o apartheid producirase o vindeiro sábado.
O arcebispo Desmond Tutu nunha imaxe de arquivo. (Foto: Chris Radburn / PA Wire / dpa)
photo_camera O arcebispo Desmond Tutu nunha imaxe de arquivo. (Foto: Chris Radburn / PA Wire / dpa)

“Se non lle deixan entrar ao paraíso, ninguén de nós estará alí”, dixera o ex presidente de Suráfrica, Nelson Mandela, do arcebispo Desmond Tutu, unha das persoas máis significadas na loita contra o apartheid no país africano, e que faleceu o pasado domingo en Cidade do Cabo con 90 anos.

Esta quinta feira abriuse a capela ardente na catedral de San Xurxo da cidade, por onde se prevé que pasen milleiros de persoas para agradecer a Tutu o seu traballo en defensa dos dereitos humanos, o que lle valeu o Premio Nobel da Paz en 1984, polo “seu liderado unificador na campaña non violenta para resolver o problema do apartheid”, destacara daquela o comité do premio.

Após a entrada nun sinxelo ataúde no espazo, o Goberno que encabeza Cyril Ramaphosa prolongou un día máis a capela ardente “por temor a que se producise unha avalancha”.

“O seu falecemento é outro capítulo de dó na despedida da nosa nación a unha xeración de surafricanos excepcionais, que nos legaron unha Suráfrica liberada”, subliñou Ramaphosa.

Ademais de diversos líderes mundiais, representantes cristiáns, budistas, xudeus, da relixión africana tradicional e musulmáns ofreceron os seus respectos ao arcebispo emérito anglicano.

Aparte do funeral que se efectuará o sábado en Cidade do Cabo, outras urbes como Johannesburgo xa anunciaron que tamén teñen organizadas as súas propias exequias.

Loita contra o apartheid

Pór fin ao sistema de segregación racial que imperou no país entre 1948 e 1991 foi un dos obxectivos principais de Tutu, como líder do Consello Surafricano de Igrexas e logo como arcebispo na Cidade do Cabo.

Amais de denunciar reiteradamente a discriminación da poboación negra por parte da minoría branca no poder, cominou os países con máis ingresos a illar un réxime que cualificaba igual que os nazis.

Cando Mandela foi liberado e o país se encamiñaba ás primeiras eleccións democráticas en 1994, Tutu recoñeceu que “estou camiñando sobre as nubes, é unha sensación incríbel, como namorar. Os surafricanos imos ser o pobo arco da vella do mundo”. No período democrático, foi o encargado de dirixir a Comisión para a Verdade e a Reconciliación.

Comentarios