O aborto en Latinoamérica, un dereito non recoñecido

Só cinco países latinoamericanos teñen despenalizada a inverrupción voluntaria do embarazo.

Aborto2014

O virus zika, considerado desde a segunda feira (1 de febreiro) pola Organización Mundial da Saúde (OMS) unha "emerxencia mundial", reabriu o debate sobre o dereito ao aborto en Latinoamérica. As consecuencias que carrexa a doenza cando as mulleres se contaxian grávidas, ocasionando no feto problemas conxénitos como a microcefalia ou afeccións neurolóxicas como o Síndrome Guillain-Barré, puxeron riba da mesa a cuestión dos dereitos sexuais e reprodutivos nunha rexión na que só cinco países teñen despenalizado o aborto: Cuba, Puerto Rico, Guayana, Guayana francesa e Uruguay. 

As autoridades dalgúns dos territorios máis atinxidos polo Zika lanzaron un chamamento ás mulleres para posporen a súa maternidade. Porén, segundo as cifras fornecidas pola Fundación Guttmacher, 23 millóns de mulleres non teñen acceso nen sequera a métodos anticonceptivos e a educación sexual é mínima.  

Por volta de 23 millóns de mulleres latinoamericanas non teñen acceso a métodos anticonceptivos

Neste senso, colectivos e organizacións feministas advirten que as mulleres --nomeadamente as empobrecidas-- procurarán as súas propias formas para non teren crianzas que ficarán excluídas socialmente e contarán cunha importante dependencia. Aquelas mulleres que poidan pagar unha clínica na que se lles practique un aborto --fóra da legalidade-- sobrevivirán mais outras, as máis, as populares, veranse abocadas --como xa hoxe-- a prácticas clandestinas e inseguras. 

"O que se pode prever é un aumento nas taxas de abortos clandestinos, abortos inseguros e perante a non posibilidade, todo un tema de saúde mental para as mulleres", sinalou Angélica Rivas, de Acdatee, unha asociación do Salvador a prol da despenalización do aborto. "Cando as mulleres estean desesperadas, procurarán as súas propias solucións", advertiu Carmen Barroso, directora da Federación Internacional de Paternidad Planeada. 

Neste senso, cal é a realidade lexislativa en materia de interrupción voluntaria do embarazo en Latinoamérica? 

Segundo a OMS o virus conta con casos contrastados en 22 países. Destes, só dous (Puerto Rico e Guyana) recollen o aborto nos seus ordenamentos xurídicos como un dereito non restrinxido, cando menos durante un período de tempo determinado, como acontece no Estado español. Nos demais, Venezuela, Brasil, Surinam, Paraguay, México (competencia estatal), Guatemala, Nicaragua, Honduras, El Salvador e Panamá, a lexislación prohíbeo totalmente ou só o garante en casos nos que corra risco a vida da muller. Ora ben, é preciso unha interpretación lexislativa que corre a conta dos tribunais. 

En Paraguay está penalizado mesmo en casos de violación igual que en Honduras, El Salvador e Nicaragua que o prohiben en todos os casos

Nunha terceira condición sitúase o aborto en Colombia, Ecuador e Bolivia, cuxos ordenamentos xurídicos contemplan a posibilidade de interromper o embaraza cando existan prexuízos psicolóxicos para a nai, segundo os dados compilados pola organización Reproductive Rights en 2014. 

Brasil

O maior foco do virus atópase en Brasil, un dos países cuxa lexislación é máis restritiva. Neste senso, só se contempla a posibilidade de interromper a gravidez en tres supostos: violación, embarazo de risco para a muller ou malformacións cerebrais no feto. A finais de 2015 o movemento feminista saíu ás rúas contra a reforma que prevía endurecer o suposto da violación obrigando as mulleres a denunciar, a someterse a un exame médico e a pasar por varias entrevistas antes de poder interromper o embarazo. A medida foi aprobada pola Cámara lexislativa. 

Unha brasileira morre cada dous días por un aborto inseguro, di a OMS

Neste senso, a organización feminista Anis presentará perante o Tribunal Supremo unha demanda para garantir que as mulleres cuxas crianzas estexan atinxidas por microcefalia poidan interromper a súa gravidez, toda vez que a comunidade médica do país coida até o de agora que esta doenza non é incompatíbel coa vida do feto, embora derivar en casos de extrema dependencia ou mesmo ciclos de vida moi curtos. 

Segundo a OMS unha muller brasileira cada dous días por causa de abortos practicados en condicións inseguras nun país no que anualmente se practican un millón na clandestinidade. 

Comentarios