O Aberto de Australia prohíbe exhibir bandeiras rusas e bielorusas nas bancadas

Un incidente no torneo de tenis após un afeccionado mostrar a bandeira do seu país (Rusia), provocou que a organización prohibise esa bandeira e a bielorrusa.
Momento do incidente coa bandeira rusa (Foto: AAPIMAGE / DPA).
photo_camera Momento do incidente coa bandeira rusa (Foto: AAPIMAGE / DPA).

A organización do Aberto de Australia prohibiu a exhibición de bandeiras de Rusia e Bielorrusia tras un enfrontamento na pista o primeiro día do torneo despois de que un cidadán ruso mostrase unha bandeira do seu país durante un partido da tenista ucraína Kateryna Kozlova.

O afeccionado ondeou unha insignia de Rusia en apoio a Kamila Rajímova, tenista rusa, cando se enfrontaba a Kozlova o pasado domingo nun encontro que acabou gañando a ucraína.

Tras ensinar a bandeira rusa, os seguidores ucraínos chamaron á seguridade e á Policía para que acudise ás bancadas, xerando un enfrontamento.

"As bandeiras de Rusia e Bielorrusia están prohibidas 'in situ' no Open de Australia", aseverou a organización de Tenis de Australia nun comunicado esta terza feira, segundo recolleu o diario The Age.

"A nosa política inicial era que os afeccionados podían traelas pero non podían usalas para causar disturbios. Onte tivemos un incidente no que se colocou unha bandeira na pista. A prohibición é efectiva inmediatamente", detallou a organización.

Neste sentido, remarcou que seguirá traballando cos xogadores e os afeccionados para garantir "a mellor contorna posíbel para gozar do tenis".

"Condeno enerxicamente a exhibición pública da bandeira rusa durante o partido da tenista ucraína Kateryna Kozlova no Open de Australia. Pido a Tenis Australia que faga cumprir inmediatamente a súa política de 'bandeira neutral'", aseverou nunha mensaxe na rede social Twitter o embaixador de Ucraína en Australia, Vasil Miroshnichenko.

Comentarios