Ábalos sobre o ‘Open Arms’: “Moléstanme os abandeirados da humanidade”

A ONG Proactiva Open Arms lémbralle ao ministro español que “facemos o que a administración non fai" e "podemos acabar no cárcere” por salvar vidas no Mediterráneo.

Abalos
photo_camera Abalos

José Luis Ábalos, secretario de Organización do PSOE e ministro de Fomento en funcións,  afirmou que o barco Open Arms, que leva máis de dez días con 160 inmigrantes a bordo, ten “bandeira española”, se ben dixo que lle “molestan” os “abandeirados da humanidade que non teñen que tomar nunca unha decisión, os que cren que só eles salvan vidas, desde o ámbito privado”. Así o manifestou nunha entrevista en El País na que nega que o goberno español estea inactivo a rspecto da situación das persoas inmigrantes a bordo do ‘Open Arms’. “Vai con nós porque é un drama humano, porque falamos de Europa e porque ese barco ten bandeira española”.

Ábalos defendeu que o goberno tamén traballa para salvar vidas mediante salvamento Marítimo, “que non pon un barco senón bastantes máis e que o ano pasado rescatou 50.000 persoas no mar”. Considera que estamos perante unha cuestión de política inmigratoria e que non se pode “actuar unilateralmente”. “España asume a súa responsabilidade mais non a doutros países”, dixo.

O fundador da ONG Proactiva Open Arms respondeu xa ás declaracións do ministro: “Señor Ábalos, non somos abandeirados da humanidade. Somos unha resposta popular, facemos o que as administracións non fan no Mediterráneo Central”. Engadiu, aliás, que “nos arriscamos a multas inasumíbeis e podemos acabar no cárcere”.

Comentarios