Tres actos políticos, dúas comparecencias ante os medios e unha xuntanza son os motivos polos que a Audiencia Nacional española vén de enviar ao cárcere e ameaza cunha condea de 12 anos de prisión a Aurore Martin, militante de Batasuna detida esta semana en Francia. Batasuna é un partido ilegal no estado español mais legal en Francia. Aliás, Martin ten nacionalidade francesa. A súa detención en territorio galo xerou unha vaga de protestas, tamén entre [email protected] do Partido Socialista que reprochan ao presidente Hollande (PS) que permitise o arresto, feito por xendarmes galos.
A Audiencia Nacional acusa a Martin de intentar reorganizar Batasuna nas provincias vascas baixo administración española. E por iso a fiscalía solicita 12 anos de prisión. Alcaldes de Iparralde (País Vasco baixo administración francesa) criticaron duramente esta actuación. "Aplican a lei antiterrorista a unha militante dun partido legal en Francia acusándoa de facer traballo político dese partido en España?", preguntábase un electo de Lapurdi para amosar, apuntaba, a "incongruencia" do operativo xudicial e policial español.