xoves 02/12/21

A xustiza di que non hai indicios de abondo e suspende a imputación de Cristina de Borbón

O tribunal prégase así ás teses da Fiscalía e Avogacía do Estado, que sempre rexeitaron a imputación da infanta española. Porén, un maxistrado presentou voto particular a prol da imputación

A Audiencia de Palma suspendeu a imputación sobre a infanta Cristina pois considera que non hai indicios de abondo para soster a acusación. A suspensión decidiuse por dous votos contra un (son tres os maxistrados do tribunal).

Deste xeito, o Tribunal apoia a tese da Fiscalía e da Avogacía do Estado, que recorreran a decisión do xuíz José Castro, e mostraron o seu rexeitamento á imputación de Cristina. Non así de Iñaki de Urdangarín.

A Audiencia pide ao xuíz instrutor que alicerce as acusacións en probas máis "contundentes"

A infanta estaba imputada desde o pasado 3 de abril por unha suposta corrupción no marco da trama Nóos. A súa implicación na investigación por apropiación indebida de fondos públicos débese á súa condición de co-propietaria da entidade Aizóon e directiva de Nóos. Neste senso, Cristina de Borbón podería ter participado das actividades delictivas do seu compañeiro, Iñaki Urdangarin e do socio de este, Diego Torres. Neste senso, foi o propio Torres o que achegou probas documentais da suposta participación directa da infanta na actividade empresarial de Nóos --de cuxa entidade era vogal. Foron os correos electrónicos que o daquela socio de Urdangarin aportou á investigación xudicial os que motivaron a imputación de Cristina de Borbón. 

O BNG pon en dúbida que a xustiza sexa igual para todos 

En comparecencia de imprensa após a Xunta de Portavoces o portavoz nacionalista, Francisco Jorquera afirmou que a retirada da imputación á filla do monarca deixa en "entredito" as declaracións do rei de que "a xustiza é igual para todos". Para o voceiro do BNG, a decisión da Audiencia provincial deveu da "mobilización de todos os recursos do Estado e da propia Casa Real" á fin de "deixar sen efecto esta imputación".

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Jorquera afirmou que a decisión da xustiza se debe á "mobilización de todos os recursos do Estado" e da Casa do rei para "deixar sen efecto" a imputación algo co que non conta a cidadanía

O portavoz do Bloque cuestionou a actuación da Fiscalía Anticorrupción da que dixo "semella que en vez de actuar para que se esclareza a verdade" actúan para que "isto non sexa así". 

"Respectando a presunción de inocencia", advertiu Jorquera "a infanta participa do Instituto Nóos" foco dos delitos que se lle imputaban polo que o nacionalista puxo en dúbida o seu descoñecementos das "actividades presuntamente delitivas" do seu compañeiro, Iñaki Urdangarin. 

O PP alédase porque "é bo" para a Casa do rei

O voceiro [email protected] populares no Congreso español celebrou esta terza feira a decisión adoptada pola Adiencia provincial de Palma da que dixo "é boa para todos". Segundo o dirixente popular "a xustiza é igual para todos" e rexeitou que a retirada da imputación se deba a que Cristina de Borbón sexa filla do monarca. Aliás, Alfonso Alonso aproveitou a ocasión para salientar a "necesidade" de que todas as forzas políticas defendan "a solidez das institucións" apoiando a súa estabilidade porque di "é bo" para o Estado. 

A xustiza di que non hai indicios de abondo e suspende a imputación de Cristina de Borbón
comentarios