A xustiza arxentina protexe a inmunidade do Clarín perante a lei de medios

A Lei de Medios aprobada en 2009 en Arxentina pon os grandes grupos mediáticos do país contra o goberno de Cristina Fernández. Clarín e La Nación son amparados pola xustiza que amplía a prórroga da súa entrada en vigor, evitando que os xigantes da comunicación teñan que perder o seu monopolio. Unha manifestación multitudinaria percorrerá as rúas da capital arxentina para exixir o cumprimento da lei e en defensa da democracia.
Lei de medios arxentina
photo_camera O grupo Clarín controla o 41% da radio e o 38% da TV en aberto

O goberno liderado por Cristina Fernández volve bater contra os grandes grupos do país. A nova Lei de Medios Audiovisuais fixa un límite máximo para as empresas de comunicación que só poderán abranguer o 35% do mercado arxentino, cun máximo de 24 licenzas. A medida, aprobada en 2009, suporía a perda de poder dos grandes grupos mediáticos do país como Clarín que conseguiron finalmente unha prórroga temporal con que manteren a súa primacía. A Cámara Civil e Comercial Federal arxentina, fallou o pasado día 7 en favor dos grandes media e decidiu ampliar esta inmunidade coincidindo coa data de entrada en vigor da devandita norma. O goberno da República xa anunciou que recorrerá o ditame perante a Corte Suprema. 

Andrés Fidanza (CTA): "Hoxe unha radio do Clarín di algo e outras 30 reproducen aquilo  sen ningunha análise crítica"

Neste sentido, o Clarín continuará a detentar 240 licenzas, o que supón o 41% do mercado da radio, o 38% da TV aberta e o 59% do Pago por Visión. Numerosos colectivos sociais, organizacións sindicais e culturais do país participan nunha multitudinaria marcha a prol da liberdade de expresión e da defensa da democracia, exixindo que a Lei de Medios entre en vixencia e rache co monopolio mediático da Arxentina. 

"A importancia da lei está en dar espazo a outros grupos mediáticos e permitir que máis grupos se expresen"

Dous dos obxectivos fundamentais da norma aprobada polo goberno de Cristina Fernández son a "des-monopolización e des-concentración" do espectro radioeléctrico e televisivo, asegura o secretario de Comunicación da CTA, Andrés Fidanza, unha das organizacións que tomou parte na negociación da lei. Segundo o disposto pola medida, o grupo Clarín deberá desfacerse --a través do procedemento de desinvestimento-- de boa parte das súas licenzas a partir do día 7 até situarse no limiar recollido na lei --ao igual que os demais medios de comunicación do país. Porén a Cámara Civil e Comercial,  decidiu finalmente alongar a prórroga en favor do medio e permitir que este siga gozando dun tratamento distinto.

Numerosos colectivos e organizacións sociais aseguran que o debate se sitúa entre a democracia e as grandes corporacións 

O presidente da Autoridade Federal de Servizos de Comunicación Audiovisual, Martin Sabbatella, asegurou que considera "vergoñosa" a sentenza e asegurou que estaban totalmente convencidos "da constitucionalidade" dunha lei, dixo, "que aumenta a calidade da democracia". Aliás, Sabbatella denunciou que a "xustiza arxentina" non sexa quen de "enfrontar ás corporacións" pois "grande parte dela está colonizada por eses grupos económicos", sentenciou o presidente da AFSCA.

Así mesmo, desde a Federación Internacional de Xornalistas, aseguraron que o grupo mediático "ameazara" a algúns xornalistas se facían pública a súa opinión sobre a norma ou a respeito daqueles "privilexios", asegurou o presidente da Federación, Gustavo Graneros, "que lle foran concedidos durante a ditadura militar e os gobernos neoliberais".

 Este domingo, a praza de Mayo da capital arxentina acollerá unha concentración convocada por numerosos colectivos sociais, sindicais, culturais e políticos a prol do cumprimento da lei e da liberdade de expresión. 

Comentarios