A Xunta electoral prohibe as manifestacións convocadas por UGT e CCOO

As organizacións sindicais aseguran que continuarán coa convocatoria para esta segunda feira en todas as cidades porén, agardan a decisión que adopte o TSXG.

Após as mobilizacións desenvolvidas o pasado domingo en cincuenta e sete cidades do Estado español baixo o lema 'Queren arruinar o país, hai que impedilo', CCOO e UGT convocan para esta segunda feira, máis mobilizacións. Neste sentido, a Xunta Electoral Xeral de Galiza prohibiu as manifestacións convocadas en Ourense e Pontevedra após seren denunciadas polo Partido Popular, alegando que estas "coinciden coa campaña electoral".

As centrais sindicais, recorreron a resolución perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza porén, aseguran que manterán todas as convocatorias fronte ao que consideran "un atropelo ao dereito fundamental de manifestación".

A decisión da Xunta Electoral prodúcese despois de que a pasada semana, o Partido Popular denunciou en Lugo as mobilizacións convocadas pola CIG e finalmente o órgano xudicial decidise non intervir por falta de competencias nunhas manifestacións autorizadas pola subdelegación de goberno.

As mobilizacións convocadas insírense no marco da campaña promovida pola Cumbre Social --integrada por 150 organizacións de ámbito estatal-- e pretende dar continuidade á xornada celebrada o pasado domingo en que milleiros de persoas exixiron ao goberno de Mariano Rajoy a celebración dun referendo que permita á cidadanía expresar a súa opinión a respecto da política económica desenvolvida polo executivo español.

Comentarios