A troika será a que dirixa a economía financeira española

O Eurogrupo acordou inxectar unha primeira liña de 30.000 millóns a España nestas semanas e dar un ano máis de prazo para cumprir co déficit. En troques, deberá cumprir rigorosas condicións fiscais, económicas e de supervisión

A Eurozona acordou esta madrugada dar ao Estado español un ano máis de prazo (ata 2014) para cumprir co obxectivo de déficit marcado, así como conceder xa unha primeira inxección de 30.000 millóns de euros para sanearen a banca española (que se farán efectivos nestas semanas). Mais non será, nin moito menos, de balde. En troques, o Estado español será intervido. Con menos 'intensidade', que Grecia ou Portugal, mais intervención ao fin e ao cabo.

E esa intervención concetarase en varias cuestións. En primeiro lugar, a troika, os homes de negro dos que o ministro Montoro dicía que nunca virían a España, virá e cada tres meses. E farao para asumir plenos poderes e control sobre o tecido e sistema financeiro e bancario español. Os representantes do FMI, Comisión Europea e Banco Central, van ter agora un papel moito máis destacado que o que se lles asignaba para España nas reunións europeas anteriores

 Máis dureza

Así mesmo, a Comisión europea vai exixir a aplicación de novos recortes e medidas de axuste. Desde Bruxelas apóstase porque o Estado español non se limite a subir o IVE, senón que tamén terá que adoptar novas medidas  en eidos como o das pensións ou prestacións por desemprego.

E todo iso, ademáis, tendo en conta que cada vez semella máis claro que a axuda que Europa dé á banca española vai ser a través do FROB e que, lóxicamente, iso computará como débeda pública.

E até as preferentes

Mesmo os e as afectadas polo calote das participacións preferentes sentirán os efectos desta 'intervención', pois Bruxelas é partidaria de que non se reitegren todas as cantidades. Xa que logo, as decisións da Comisión Europea de acelerar a inxección dunha parte dos cartos do rescate á banca, e dar un ano máis de prazo a España para cumprir co obxectivo de déficit, vai ter contrapartidas. As mesmas poden comezar xa a coñecerse claramente esta terza no debate do Congreso dos Deputados, no que comparecerá Mariano Rajoy. Ou se non, a sexta, no Consello de Ministros

Comentarios