A III Frota da liberdade partiu do norte de Europa cara a Palestina

O Veleiro 'Estelle' arribará a diferentes portos europeos nunha campaña que contará coa presenza de persoas solidarias galegas co pobo palestino

A solidariedade é a tenrura entre os pobos. Escribiuno Pablo Neruda e estano a demostrar estes días @s impulsor@s e participantes na III Frota da liberdade, iniciativa impulsada por Rumbo a Gaza e que, co apoio de colectivos e persoas de diferentes países (entre eles, Galiza), procura a defensa dos dereitos do pobo palestino.

O veleiro 'Estelle' partiu do norte de Europa e, ao longo das vindeiras semanas, navegará pola costa do vello continente, arribando en diferentes cidades para desenvolver actos e actividades de diverso tipo (palestras, concertos,...) en que a situación dos territorios ocupados por Israel será de novo denunciada.

Dentro de esta xira, o 26 de agosto, o 'Estelle' chegará a Donosti, en Euskal Herria, onde unha pequena frota de embarcacións con bandeiras palestinas lle dará a benvida. A tripulación será recibida no concello de Donosti (que, ese día, izará a bandeira de Palestina) e nas Xuntas Xerais de Gipuzkoa. A expedición continuará despois até Bermeo, onde desembarcará para, en caravana, desprazarse á emblemática vila de Gernika. Gernika era, precisamente, o nome do barco que participou na II Frota da liberdade e que foi 'secuestrado' en Grecia pola policía, impedíndolle chegar a Gaza. Unha delegación galega estará en Euskal Herria para levar unha mensaxe de solidariedade da Galiza ao pobo palestino.

BDS

Neste 2012 cúmprense sete anos da campaña BDS, que traballa polo boicot, os desinvestimentos e as sancións a Israel como medida de presión cidadá para poñer fin á ocupación de Palestina.

En xullo de 2005 unha ampla coalición de colectivos palestinos lanzou a campaña BDS Global contra Israel apelando ás “persoas con consciencia en todo o mundo para impor amplos boicots e desenvolver iniciativas de desinvestimento e sancións contra Israel” como medida de presión para acabar coa cada vez máis sanguenta limpeza étnica do pobo palestino.

Comentarios