A resistencia popular consegue derrogar a Lei 72 en Panamá

As mobilizacións sociais na provincia de Colón (norte de Panamá) obrigan ao goberno a derrogar a lei pola cal autorizaban a venda de terras públicas a empresas estranxeiras.
Martinelli na sanción do decreto polo que se derroga a Lei 72
photo_camera Martinelli na sanción do decreto polo que se derroga a Lei 72

As protestas nas rúas levan ao presidente de Panamá, Ricardo Martinelli, a derrogar a Lei 72 coa que se aprobaba a venda de terreos públicos situados na zona franca da provincia panameña de Colón. Após sete días de mobilizacións --e oito da aprobación da norma--, en que milleiros de manifestantes exixiron a supresión da mesma, o executivo do país vese obrigado a derrogar a lei.

O coordinador xeral do Frente Amplio de Colón (FAC) --organización convocante das mobilizacións-- asegurou que a lei promovida polo goberno de Martinelli "permite ás empresas estranxeiras a compra de terreos que actualmente alquilan para operar en chan panameño". @s manifestantes denunciaron que o goberno pretendía apropiarse "destes patrimonios que son de todos os panameños", afirmaban desde o FAC, pois suporían uns ingresos de dous mil millóns de dólares nos vindeiros 20 anos para as arcas do Estado. O executivo defendía o mantemento da norma argüíndo que esta melloraría a economía dunha provincia en que o 45% da poboación vive baixo o limiar da pobreza.

A resposta social fai mudar ao goberno
Após unha folga xeral de 48 horas e dunha forte resistencia nas rúas --que rematou con numerosas persoas detidas, a intervención con armas de fogo do exército e a declaración do toque de queda-- o presidente de Panamá, procurou unha negociación en que propuña a supresión da disposición concreta en que se recollía a venda das terras públicas. Porén, o FAC e as persoas manifestantes condicionaron calquera negociación á derrogación completa da norma.

O mandatario panameño, que se atopaba de visita institucional en Xapón e Viet-Nam, deu orde de derrogar a lei desde o estranxeiro e iniciou os trámites para tal fin nada máis arrivar en Panamá, verbo da presión social que exixía o seu regreso ao país. Neste senso, e sen emitir ningún comunicado, Ricardo Martinelli, asinou esta segunda feira xunto o ministro de presidencia, Roberto Henríquez, e o presidente da Asemblea Nacional, Sergio Gálvez. a sanción mediante a cal se derroga a polémica norma. Desde o FAC, defenden o inicio dun proceso de negociación despois da supresión da lei. 

Comentarios