A presión de Europa triunfa nas eleccións de Grecia

Coa metade do escrutinio feito, Nova Democracia tería gañado as eleccións gregas e non lle costaría formar goberno xunto co Pasok. Syriza triunfa na mocidade grega. A Europa dos mercados e dos rescates felicítase polos resultados.

Se os datos se confirman no fin do escrutinio, Nova Democracia obtería 75 escanos, o que o convertería co 43% no partido máis votado e contaría cunha prima segundo a lexislación grega que o situarían en 125 escanos. Conforme queda o mapa electoral, Samaras podería contar co apoio do PSOK co seu 12% e de Esquerda Democrática con apenas un 7%, cálculo que daría para gobernar un país que en breve terá que tomar duras decisións. A extrema dereita de Amanecer Dourado confirma o seu 7% de votos, fronte ás enquisas que falaban de descenso con respecto a maio e sitúase como cuarta forza no parlamento grego.

O desplome do Pasok desde o 2009 non impede así que sexa chave para un novo goberno, mesmo coa imaxe de fraude que o partido acadou nos últimos tempos, desde que abandonou o goberno e o seu electorado foi disminuindo de forma acelerada.

Unha durísima campaña decantou o voto cara á dereita e á opción defensora do rescate e a permanencia no euro. A Syriza quedaralle un duro labor de oposición parlamentar que, de seguro, se verá incrementado con movilizacións sociais que en Grecia son xa tónica xeral.

A coalición de esquerdas Syriza tería pasado nestas elección o 16,7% de maio a máis do 25% cun Alexis Tsipras á cabeza que se presenta como un líder de futuro con expectativas de medre xa que conta co apoio maioritario da mocidade.Mesmo sen chegar ao goberno, os resultados son para Syriza de grande medre e quédalle a batalla da movilización social que ten da súa parte nun momento crítico para a economía e a sociedade gregas.

Comentarios