As redes ecoan episodios do pasado do Papa Bergoglio que o asocian coa ditadura de Videla

Após anunciarse o nome do novo Papa, as redes sociais ferveron divididas entre os apupos e apoios a quen xa é xefe de Estado do Vaticano e unha das persoas máis influíntes do mundo. Para alén de se converter no primeiro latinoamericano en sentar na cadeira de Pedro, a figura de Bergoglio --convertido xa en Francisco I-- atópase envolta entre polémicas declaracións, non por ende impropias da curia e un pasado que o vencella coa ditadura de Videla.
Cuadrinho Carlos Latuff
photo_camera Cuadrinho Carlos Latuff

A elección dos pontífices nunca estivo fóra de toda polémica. Se ben Joseph Ratzinger (Bento XVI) foi soldado do exército nazi durante a II Guerra Mundial e membro das xuventudes hitlerianas --como el propio recolleu na súa biografía-, ao seu sucesor diversas publicacións en medios de comunicación arxentinos sinálano como colaborador da ditadura do xeneral Videla. Neste senso, algunhas das testemuñas que sobreviviron á guerra suxa arxentina acusaron ao daquela sacerdote de participar en casos de tortura e desaparicións. Porén, malia as declaracións e probas achegadas polo xornalista Horacio Verbitsky e a denuncia presentada polas Nais da Praza de Maio, non existe sentenza contra Bergoglio.

Axiña correron as fotografías do pontífice outorgando a comuñón ao ditador arxentino polas redes sociais e numerosas voces poñían en dúbida a vontade reformista que, no entato, outras pregoan. O certo é que o discurso manifestado durante os últimos anos polo xa Papa non dista moito do dos seus predecesores e deixa a porta aberta ao continuismo na Santa Sé. Malia a que moit@s exixían que a igrexa católica iniciase un proceso de mudanzas internas após os escándalos coñecidos nos últimos tempos --nomeadamente polos casos de pederastia encubertos desde Roma-- hai cousas que na cadeira de Pedro, nunca cambian. Porén, fóra de toda poxa, a súa escolla xa foi dabonda sorpresa.

Polémicas declaracións anti-abortistas 

Os confrontos de Bergoglio c@s Kirchner foron vox populi. O debate e posterior aprobación da reforma lexixlativa que despenalizou o aborto valeulle ao pontífice unha das súas citas máis sonadas. "É a pretensión destrutiva ao plan de deus", aseveraba con rotundidade o daquela arcebispo de Bos Aires, "unha movida do Pai da mentira que pretende enganar aos fillos de deus" continuaba ao tempo que demandaba a intervención pola vía da urxencia "do Espírito santo" para pór "luz nas ténebras do error". Bergoglia apelou mesmo ás verbas bíblicas para asegurar que "esta non é a vosa guerra senón a de Deus".

Tamén así, a legalización dos matrimonios homosexuais custáronlle a Bergoglio duros enfrontamentos co executivo de Cristina Fernández que, no entanto, afirmaba, na súa conta oficial na rede social Twitter, após coñecer a nova, "declaro unha semana de feriado porque o papa #Bergoglio é un #OrgulloArgentina na nosa igrexa. Hoxe síntome como María Magdalena".

Comentarios