A OTAN pide máis investimento militar malia a crise

O secretario xeral da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) fixo un chamamento aos Estados membros a aumentaren o seu gasto militar.

Malia a crise en que está somerxida a economía mundial, o secretario xeral da OTAN, Anders Fogh Rasmussen, alentou aos vinte e oito Estados membros da organización militar a rematar coas reducións orzamentarias no investimento militar para logo, dixo, "incrementalos de maneira paulatina". Así se pronunciaba Fogh Rasmussen na 58ª asemblea parlamentar da OTAN.

Rasmussen asegura que o incremento do gasto militar evitará unha crise de seguridade

Segundo Rasmussen, desde 2009 a 2011, os Estados da OTAN reduciron 56 millóns de dólares en gastos militares. Neste senso, fixo un chamamento a recuperar o investimento e evitar "unha crise de seguridade". Para xustificar a súa proposta, o secretario xeral da organización militar apelou ao aumento orzamentario aprobado en Rusia e China, cuxo investimento militar, aseguraba naquela altura Moscova, viña motivada polo estabelecemento do escudo anti-mísiles estadounidense, perto das súas fronteiras. Esta situación "obrigaría" ao executivo ruso --aseguraban-- a reforzaren o seu potencial defensivo perante calquera "ameaza externa".

Comentarios