A ONU advirte que os recortes están a aumentar o racismo no Estado español

Un informe realizado polo especialista Mutuma Ruttere amosa a súa preocupación pola exclusión de migrantes da Sanidade pública ou polas redadas por motivos raciais, cuestións que xa provocaron protestas en Galiza.

Policia
photo_camera O informe advirte das redadas policiais por racismo

Habitual é que o Estado español reciba reprimendas a nivel internacional por cuestións relacionadas coas súas eivas en dereitos civís. A última ten que ver co racismo. Un informe da ONU realizado por Mutuma Ruttere, relator especial da institución para discriminación racial, xenofobia e outras formas de intolerancia, acusa os gobernos do PP de alimentar estas prácticas coa súa política de recortes. A exclusión de migrantes da Sanidade pública, as redadas raciais ou as más condicións dalgúns centros de internamento, son parte das denuncias que se inclúen no informe, a cuxo contido tivo acceso a edición impresa do diario vasco Gara.

“Migrantes e minorías son @s que sofren maior discriminación en áreas como a educación, o acceso á saúde, aos servizos públicos, a vivenda e o emprego”, afirma o documento da ONU, que tamén cualifica de “lamentábel” e pide que se revise a “lexislación adoptada como parte das medidas de austeridade económica e que restrinxe o acceso d@s migrantes á atención sanitaria”. Aliás, o informe advirte de as redadas policiais por motivos raciais “continuaren a ser un problema persistente”, apesar das constantes protestas que xa ten elevado este organismo multilateral. Tampouco se libran das críticas da ONU os Centros de Internamento de Estranxeiros, os CIEs, que “non cumpren cos mínimos requisitos e están inadecuada e pobremente equipados para acomodar aos migrantes”. Tamén relata casos de torturas, maltratos e mesmo mortes dentro deses espazos.

A preocupación polo racismo tense avivado nos últimos anos, coincidindo coa crise. Na Coruña producíronse protestas en xuño polo trato á comunidade nixeriana por parte do concello e a súa policía municipal, que chegaron ao Parlamento galego xunto a outros casos producidos noutras cidades do país. Hai medio ano, centos de persoas concentráronse ás portas da Subdelegación do Goberno central na Coruña e das comisarías da policía en Compostela e Ferrol para daren lectura a un manifesto no que consideran “intolerábel” o estado policial en que viven @s migrantes irregulares, cuxa documentación lles é esixida “por criterios raciais” en lugares públicos como as estacións de autobuses ou os centros de saúde, práctica que nos últimos tempos até chegou aos lugares de traballo d@s que o teñen.

Comentarios