O masacre de Connecticut leva ao primeiro plano o libre mercado das armas nos EEUU

O asasinato de 26 persoas, vinte delas menores de entre 5 e 10 anos, por parte dun mozo de vinte anos nun colexio de Connecticut abre de novo o debate silenciado na recente campaña electoral americana. Case a metade das casas americanas teñen armas.

Arredor dun 50% das casas dos EEUU teñen armas na casa e a masacre de Connecticut na pasada sexta feira con 26 mortos nunha escola máis a nai e o propio asasino volve traer ao debate o mercado das armas e o seu control, ate agora non asumido por ningún dos gobernos. O pistoleiro, segundo sinalan distintas fontes, contou para a súa acción con catro armas distintas e todas compradas legalmente. Só no ano 2012 notificáronse nos EEUU case dezasete millóns de vendas de armas para uso particular, amparado nunha lexislación que camiñou cara unha maior permisividade.

Os tiroteos múltiples son os que, a cada pouco, abren o debate, mais o uso das armas nos EEUU provoca un número de mortes, segundo os cálculos que se equipara ás guerras nas que o goberno americano se envolve. Con anterioridade a este de Connecticut, na memoria agroma aínda os 34 estudantes asasinados en 2007 na Universidade de Virginia ou calquera dos outros tiroteos masivos que lle dan aos dos dominios de Obama a marca mundial en masacres producidas por armas.

Mália iso, o poder de quen domina o mercado de armas e a súa presión política, mesmo a través das aportacións económicas e o control das propias campañas, evitaron ate agora que o tema entrara na axenda política de cara a lexislar o control da venda, até agora libre.

O mercado de armas non foi afectado por ningunha acción política do pasado goberno de Obama e as poucas indicacións que o presidente anunciou para o presente mandato chocaron de fronte cos defensores da liberalización do mercado. O presidente fixo desde a sala de prensa da Casa Blanca unhas emocionadas declaracións nas que afirmou que xa tiñan vivido unha situación similar “demasiadas veces” e anunciou que se ían tomar medidas para que algo similar “non volva suceder” sen concretar ningunha medida de control ao acceso libre ás armas. Diante do edificio gubernamental onde Obama fixo as súas declaracións artellouse unha concentración de centos de persoas que demandaron o control do mercado de armas americano.

Comentarios