MENTRES, A XUNTA MILITAR ESTABELECE CONSTITUCIÓN

A Irmandade Musulmá proclámase vencedora en Exipto

Mohamed Mursi, candidato do Partido Liberdade e Xustiza (PLX), da Irmandade Musulmá, ás eleccións presidenciais de Exipto, anunciou que exercerá de presidente de "tod@s" @s exipci@s. Ahmed Shafiq, dende a oposición, revírase contra estas declaracións. Os resultados coñeceranse o xoves.

Este domingo foi a segunda volta das primeiras eleccións libres na historia de Exipto, 16 meses despois de que a revolución de Tahrir derrocase o ditador Hosni Mubarak, no que se considerou un dos grandes triunfos da chamada Primavera Árabe, e a islamista Irmandade Musulmá, cun 90% dos votos escrutados, elucubraba xa gañar co 52,5% dos votos fronte ao seu rival, o ex primeiro ministro Ahmed Shafiq (que levaría o 47,5%).

Pola contra, o voceiro do ex primeiro ministro  interveu na cadea privada ONTV para rexeitar estas declaracións, que considera "absurdas" e parte dunha estratexia de "manipulación mediática". Mahmoud Baraka, responsábel de prensa, afirma que Irmáns Musulmáns violou as leis electorais ao "secuestrar" os resultados, e asegurou que Shafiq lidera o reconto de votos co 52%. Con todo, considera que é a Comisión das Eleccións Presidenciais o único organismo autorizado para publicar os resultados. Estes daranse a coñecer o xoves.

Mursi deulle grazas a Deus “por guiar ao pobo exipcio cara ao camiño correcto, o camiño da liberdade e a democracia", nunha conferencia de prensa na sede do PLX no Cairo. O islamista lanzou mensaxes conciliadoras, anunciando que reconstruirá o Estado de Dereito, “moderno, democrático e civil cunha Constitución", segundo informa a cadea Al Yazira.

Por outra parte, a xunta militar emitiu onte un texto constitucional complementario, polo que serán os xenerais quen outorguen o poder lexislativo até novas eleccións parlamentarias, e quen redacte a Carta Magna, ademais de controlar o orzamento e a carteira de Defensa. Esta nova declaración constitucional é considerada un verdadeiro golpe de estado pola oposición, e a Irmandade considera que ispe de poderes ao novo presidente.

Comentarios