A Irmandade Musulmá chama a "erguerse" contra o exército após a vaga de asasinatos

O Partido Xustiza e Liberdade --brazo político da Irmandade Musulmá-- chamou a través dun comunicado público á intifada (levantamento, en árabe) contra o exército. O partido salafista Al-Nur abandona as negoacións e retira o seu apoio ao golpe

[Imaxe: @AnEyeOnEgypt]
photo_camera [Imaxe: @AnEyeOnEgypt]

Após 5 días do golpe de Estado acontecido no Exipto contra o presidente Mohamed Mursi, o Partido Xustiza e Liberdade --brazo político da Irmandade Musulmá-- lanzou un chamamento a se rebelar contra o exército exipcio logo da vaga de asasinatos que deixa xa perto dun cento de mortes. Neste senso, arengaron á cidadanía do Exipto a se erguer contra "aqueles que queren roubar" a "revolución" con tanques e vehículos acorazados. Asemade, chaman á "comunidade internacional" e outros grupos do "mundo libre" a impedir "máis masacres" que deveñan "nunha nova Siria". 

O último dos enfrontamentos producidos entre partidari@s de Mursi e militares deixou 42 mort@s --entre @s que se atopan varias crianzas. As cargas policiais comezaron nunha concentración en apoio ao líder da Irmandade Musulmá --detido após ser derrocado polo exército-- e iniciáronse após asegurar os mandos militares que "un grupo terrorista" se propuña atentar contra o exército. Con este argumento, as forzas armadas exipcias clausuraron a sede da Irmandade Musulmá na que din, atoparon material explosivo. 

O partido salafista Al-Nur retirou o seu apoio ao golpe "en resposta á masacre"

O salafismo desmárcase das negociacións para unha nova presidencia

O pasado sábado o secretario xeral de Xustiza e Liberdade, Hussein Ibrahim, rexeitaran a través dun outro comunicado a oferta de diálogo convocada por Ali Mansur (presidente interino nomeado polo exército) ao que consideraron "ilexítimo" e ao que seguen sen recoñecer.

Tamén así, o partido salafista Al-Nur, que inicialmente amosaran o seu apoio ao golpe en aras dunha nova convocatoria electoral, retiráronse esta segunda feira das negociacións "en resposta á masacre ocorrida fronte á Garda Republicana", dixo o seu líder, Nader Baqqar. 

A escolla do novo presidente --que centra as negociacións das forzas da oposición que aínda apoian o golpe de Estado-- segue bloqueando o diálogo que até o momento xiraba arredor da proposta realizada por Ali Mansur e que inclúe o premio Nobel da Paz Mohamed el Baradei. 

Comentarios