A imprensa da dereita, dividida perante o retorno de Aznar

As principais cabeceiras da imprensa conservadora española reflicten a fenda aberta no Partido Popular. Mentres El Mundo pide a celebración dun Congreso extaordinario "se Rajoy non está disposto a mudar de políticas", ABC deixa en segundo plano a entrevista 

Falou José María Aznar e tremeron as fileiras do Partido Popular. O presidente de honra do partido e ex-líder do executivo español abriu a caixa de Pandora esta terza feira nunha entrevista concedida a Antena 3 Televisión. Após a conversa que a directora de informativos desta canle mantivo cunha das figuras máis polémica --mais tamén mellor valoradas do PP-- a caverna mediática ruxiu, aínda que de maneira desigual. 

O cadriño de Gallego & Rey no xornal El Mundo describe con sorna --e de maneira ben atinada-- a faciana que se lle debeu quedar ao presidente español, Mariano Rajoy, após a entrevista. A imprensa española afín @s convervador@s concorda en tildar as opinións de Aznar como unha "emenda á totalidade" da súa xestión de goberno. As críticas afiadas --porén sutís-- do ex-mandatario dirixíronse coma dardos contra quen el mesmo situou como o seu sucesor. 

El Mundo exixe a celebración dun Congreso extraordinario se Rajoy non muda as súas políticas
As diferenzas entre Aznar e Rajoy --que xa son públicas e notorias-- tiveron o seu correlato nunha imprensa españolista que toma posicións. Neste senso, para o director de El Mundo, Pedro J. Ramírez as opinións manifestadas por Aznar "de maneira sincera e valente" reflicten o que "pensa a maioría das bases do PP" e "boa parte dos dirixentes" do partido embora, matizou, "non se atrevan a o expresaren". 

Aznar non ocultou as súas diferenzas con Rajoy avivando as tensións internas nas fileiras do Partido Popular

O diario do grupo Unidade editorial non agochou nas súas páxinas a concordancia co ex-presidente e mesmo considerou "un erro" que Mariano Rajoy "non escoitase" as reflexións do seu predecesor. De non mudar a súa xestión política polo camiño que Aznar trazou na súa volta á axenda mediática ao chefe da dereita española non lle queda outra --segundo o diario madrileño-- que convocar un "congreso extraordinario" para que sexa "o partido" quen se pronuncia ao respeito. 

Rajoy debeu tremer coma un vímbio cando, en relación ao seu eventual regreso á primeira liña política, Aznar non dubidou en afirmar que cumprirá coa súa conciencia, co seu partido e co seu país. Columnistas da "casa" mesmo o sitúan xa como "o xefe da oposición" e o certo é que José María Aznar até achegou un plan de goberno que podería preludiar o regreso do conservador perante un Rajoy desgastado de cuxa xestión fica só a "lánguida resignación" descrita polo ex-líder d@s populares. 

Pedro J. Ramírez clama pola convocatoria dun Congreso extraordinario mentres ABC se mantén á marxe

Mais a Rajoy aínda lle quedan algunhas páxinas malia que pouco comprometidas. La Gaceta e El Correo prefiren non falar do tema e as súas edicións non recollen nin unha soa liña da entrevista a Aznar. Doutra banda, ABC publica unha páxina (a 20) de información máis ben aséptica na que debulla algúns dos asuntos tratados polo ex-mandatario. En troca, o diario de maior difusión da Galiza, a conservadora Voz de Galicia advirte ao presidente español que Aznar vai "contra a lánguida resignación" da súa xestión. 

No goberno español pechan fileiras arredor de Rajoy e restan importancia ás declaracións dun ex-presidente que marchou, dixo Cristobal Montoro, "para non volver". Porén, José María Aznar aterrou e semella que para ficar.. 

Comentarios