A falta de acceso aos alimentos mata dúas crianzas cada minuto na África subsahariana

Unicef vén de facer públicas as cifras da desnutrición que afecta @s nen@s menores de cinco anos neste continente, cifras que atribúe ''á sequía e á falta de comida''. Porén, as políticas de austeridade impostas desde o FMI e o Banco Mundial para cobraren a débeda externa, tiveron tamén moito a ver á hora de botar embaixo a economía local e afiar a dependencia de alimentos importados, obviando a soberanía alimentar do pobo somalí


A falta de acceso aos alimentos mata na África subsahariana unha crianza no tempo que tardamos en contar até trinta. Dúas cada minuto, 114 cada hora, 2.740 ao día... máis dun millón ao ano.

Segundo o comunicado que fixo público o fondo das Nacións Unidas para a infancia, Unicef, máis do 30% d@s pequen@s que habitan esta parte do continente sofre crecemento raquítico, e non é pola falta de comida, senón por un acceso desigual a ela.

Cadrando co Día de África, di Unicef que a inseguridade alimentar e a sequía son as causas principais desta situación, e acrecenta que nun país como Somalia cumprirían 600 millóns de dólares para frear as consecuencias "da falta de alimentos".

A análise feita para o territorio somalí é a que adoita facerse para a maior parte dos países empobrecidos, polo que tomaremos este país do corno de África como exemplo para afondar das causas da desigualdade no acceso aos alimentos.

Elas producen, eles venden

Así as cousas, o primeiro que cómpre dicir é que en África, ao igual que acontece no resto do mundo, mais nomeadamente neste continente, as mulleres son as responsábeis de produciren a comida. Analizando tal responsabilidade en cifras, o alimento achegado por elas suporía o 70% do consumido no territorio.

Porén, e tamén igual que acontece no resto do mundo, os traballos vinculados á produción fican invisibilizados, entrementres a comercialización, da cal se ocupan os homes, é a que ten relevancia no mercado. Son tamén eles os que manexan a maquinaria e os que posúen acceso á terra --se dispoñen dela adoita chegarlles por herdanza do pai aos fillos varóns--, á auga e ás sementes.

Comer trigo e arroz de fóra, tirar o millo e o sorgo 'da casa'

Xa no caso de Somalia, a intervención do Banco Mundial e do FMI na década de 1980 contribuíu a afiar a crise da agricultura por mor dunha sorte de plan de austeridade imposta para 'aforrar' o diñeiro necesario que pagase a débeda externa e que veu reforzar a dependencia de Somalia do gran importado.

En dez anos a axuda alimentaria multiplicouse por 15 e as importacións comerciais subiron, polo que os excedentes de trigo e de arroz vendíanse no mercado interno a prezos máis baixos, provocando o desprazamento d@s produtor@s locais e unha mudanza nos padróns de consumo de alimentos, en detrimento dos cultivos tradicionais: o millo e o sorgo, un cereal moi resistente ás sequías.

A devaluación da moeda local, o chelín somalí, que tamén veu imposta polo FMI en xuño de 1981, foi secundada por devaluacións periódicas que fixeron subir os prezos de combustíbeis, fertilizantes e insumos agrogandeiros. A influencia da 'axuda' sen tomar en conta a necesidade de garantir a soberanía alimentar do propio pobo somalí levou ao empobrecemento das comunidades agrícolas.

As mellores fincas, para os terratenentes

Ao igual que no resto dos países empobrecidos --que non pobres-- a historia se repite. As mellores terras agrícolas expropiáronas os grandes terratenentes e sementaron nelas os denominados 'produtos de alto valor engadido', isto é, cultivar o que demanda o mercado.

O Banco Mundial impón taxas para a vacinación do gando, tomando en conta que o 50% da poboación do país dedicábase a esta actividade. Emerxeu deste xeito un mercado privado de medicamentos veterinarios tornándose nun luxo privado a sanidade dos animais. E todo isto aderezado coa ausencia de alimentación de emerxencia para o gando cando a sequía asomaba.

A auga tamén se converteu nun negocio. Semella unha conquista que vén de vello, mais o acceso a auga potábel non foi dereito universal até 2010, cando Nacións Unidas deu luz verde á proposta do presidente de Bolivia, Evo Morales.

Con tal panorama, @s pastor@s que participaban do sistema de intercambio tradicional --produtos agrícolas por produtos gandeiros, sen cartos polo medio-- foron desaparecendo, deriva que o BM viu positivo ao considerar o pastoreo nómade causa principal da degradación ambiental no territorio somalí.

Nos EUA dánlle ao gando a comida de 800 millóns de persoas

Dúas anécdotas sobre a importancia dos hábitos de consumo para combater a fame e o doados que aqueles son de mudar: en Senegal non vai frío dabondo para producir cebola, mais a colonización francesa deixou como pegada que os dous pratos típicos deste país leven cebola.

E após a ditadura en Nicaragua, o goberno sandinista viuse na obriga de encargar unha canción, Los hijos del maíz, para re-educar a poboación no consumo de millo; só comían pan porque os EUA vendían o trigo moi barato.

Por derradeiro, cómpre sinalar que informes elaborados polo entomólogo da Universidade de Cornell apuntan que o cereal que come o gando nos Estados Unidos de América abondaría para alimentar 800 millóns de persoas, dos 1.000 millóns que se calcula que non teñen que levar á boca. O problema da fame ficaría resolto.

Comentarios