A extrema dereita gaña as eleccións e redactará a nova Constitución en Chile

Comentando os resultados das eleccións, o presidente chileno, Gabriel Boric, afirmou que quere "convidar o Partido Republicano [...] a non cometer o mesmo erro que cometemos nós no seu momento". De acordo coas súas palabras, "este proceso non pode ser de 'vendettas', senón de pór adiante Chile e a súa xente".
O líder da extrema dereita chilena, José Antonio Kast (Foto: Fracisco Arias / Zuma Press / Contactophoto).
photo_camera O líder da extrema dereita chilena, José Antonio Kast (Foto: Fracisco Arias / Zuma Press / Contactophoto).

A extrema dereita obtivo a maioría nas eleccións para escoller os membros do Consello Constitucional 2023, con 99,90 % de votos escrutados, de acordo cos datos do Servizo Electoral de Chile (Servel).

Desta maneira, o Partido Republicano (de extrema dereita) recibiu 35,42 % dos votos, mentres que Chile Seguro (dereita tradicional) e Partido da Xente (centrodereita) contan co apoio de 21,07 % e 5,48 % dos votantes, respectivamente.

Pola súa parte, Unidade para Chile (esquerda) obtivo 28,57 % dos votos e Todo por Chile (centro) foi apoiado por 8,96 % dos votantes.

Boric: "Este proceso non pode ser de 'vendettas'"

Comentando os resultados das eleccións, o presidente chileno, Gabriel Boric, afirmou que quere "convidar o Partido Republicano [...] a non cometer o mesmo erro que cometemos nós no seu momento". De acordo coas súas palabras, "este proceso non pode ser de 'vendettas', senón de pór adiante Chile e a súa xente".

"O noso país, unha vez máis, utiliza o diálogo para resolver as súas diferenzas porque entendemos todos, en todo o espectro político, que a democracia se defende e se fortalece sempre con máis democracia e nunca con menos", indicou.

Kast: "Hoxe en día non hai nada que celebrar porque Chile non está ben"

Pola súa parte, o líder do Partido Republicano e ex candidato presidencial, José Antonio Kast, afirmou que "hoxe en día non hai nada que celebrar porque Chile non está ben".

"Para uns poucos esta elección parece moi importante, pero para a inmensa maioría dos chilenos, non. Non é tempo de dividir o país", declarou, agregando que "é tempo de traballar en polo ben de Chile".

Nese contexto, destacou que se trata do "primeiro día para un futuro mellor para Chile". "Comezaremos a reconstruír e recuperar o noso querido país. Chile derrotou un Goberno fracasado", dixo.

Xornada de votación obrigatoria

Os votantes tiñan que elixir entre máis de 350 candidatos, e os que resulten electos redactarán outra proposta de Carta Magna, que será sometida a referendo en decembro. Trátase dun novo intento para cambiar a Constitución, que está en vigor desde 1980 e foi aprobada baixo a ditadura de Augusto Pinochet.

Máis de 15 millóns de persoas estaban convocadas a votar de maneira obrigatoria. Aínda así, as comisarías recibiron máis de 110.000 documentos de cidadáns escusándose de non votar e así evitar unha multa de entre 31.000 e 189.000 pesos (de 35 a 215 euros).

Comentarios