A evasión fiscal supón o 18% do PIB mundial

Após a publicación da coñecida como 'listaxe Lagarde' polo xornalista grego Kostas Vaxevanis, a evasión fiscal volve estar no punto de mira, porén, tamén así a inacción dos gobernos contra o impagamento tributario das persoas máis ricas. Segundo un estudo publicado polo contábel e economista Richard Murphy, son as grandes transnacionais as que máis se benefician das 'vantaxes fiscais' da economía globalizada.

Do conxunto de nomes que compoñen a 'listaxe Lagarde' --publicada pola revista Hot Doc-- salientan importantes persoeir@s greg@s; polític@s, artistas, armadores... que posúen contas na entidade financeira suíza HSBC. No entanto, tamén aparecen recollidas 250 empresas gregas que operan offshore, ou o que é o mesmo, en paraísos fiscais; espazos territorialmente definidos para evadiren impostos.

A 'listaxe Lagarde' recolle 2.059 persoas gregas que operan en paraísos fiscais

Ao xornalista Kostas Vaxevanis custoulle unhas horas no calabozo facer públicos os nomes daquelas persoas --físicas ou xurídicas-- que non tributan no país heleno, porén, tamén llo custou afirmar e probar que as sucesivas administracións gregas non fixesen nada contra esta actividade delitiva, malia aseguraren por activa e por pasiva que está entre as súas prioridades políticas a loita contra a evasión de impostos. Neste sentido, Vaxevanis non dubida en afirmar perante a prensa internacional que a inacción gobernamental se debe a que "estamos gobernados por unha manchea de corrutos e tanto Papakonstantinu como Venizelos [ministros de finanzas gregos] teñen amigos que figuran na listaxe".

Vaxevanis: "Aí si poderían recadar moito diñeiro e non recortando pensións e salarios"

O G10 da evasión fiscal
O acontecido en Grecia sucede de igual maneira na práctica totalidade das economías capitalistas insdustrializadas e das denominadas 'economías emerxentes', sendo os EUA o país que máis defrauda. Brasil, Italia, Rusia, Alemania, Francia, Xapón, China, Reino Unido e finalmente o Estado español, compoñen as 10 economías en que se desenvolve unha maior fraude fiscal, segundo o informe publicado a comezos deste ano polo consultor e economista Richard Murphy. Segundo o seu estudo a economía somerxida representa un 18% do PIB mundial constituíndo, "un claro crime contra a poboación do planeta e as distintas sociedades civís de cada país", afirma Murphy. Neste sentido, o Tesouro americano deixa de ingresar 3,3 billóns de dólares ao ano por mor das actividades offshore desenvolvidas polas grandes corporacións transnacionais, que elixen onde tributar de acordo coas condicións que lles sexan máis vantaxosas. Google, Amazon, FedEx ou a entidade financeira Citygroup, son algúns exemplos.

O Estado español recadaría 126.000 millóns de euros

A evasión fiscal no Estado español supón, segundo o informe elaborado por TaxJustice Network, o triple do recorte orzamentario aprobado para o exercicio de 2012, aproximadamente 81.000 millóns de euros. A recadación dos impostos que as grandes fortunas evaden a través dos paraísos fiscais ascendería aos 126.000 millóns de euros anuais permitindo ao executivo sufragar moitas das débedas que na actualidade se cobren a través dos recortes en servizos e políticas sociais. 

Entre @s defraudador@s non se atopan só contas bancarias en bancos suízos. As grandes fortunas empregan elementos financeiros como as denominadas SICAV para tributaren polas súas empreasas só un 1% fronte ao 30% do Imposto de Sociedades. Amancio Ortega, fundador do imperio téxtil, Inditex, é un dos grandes beneficiarios desta fórmula fiscal. 

Comentarios