A Eurocámara debaterá sobre o dereito a autodeterminación dos pobos

A Fundación Galiza Sempre co-organiza os vindeiros 20 e 21 de setembro un seminario internacional baixo o lema “Autodeterminación dos pobos. Modelos de estado”. 

Perspectivas e solución de conflitos serán os eixos arredor dos que xire o debate co-organizado pola Fundación Galiza Sempre no Parlamento europeo. A súa participación no mesmo débese a que a FGS constitúe unha das entidades fundadoras da Rede Mundial polos Dereitos Colectivos dos Pobos –composta por máis de trinta organizacións representativas de diversas nacións e pobos sen estado do mundo--. 

O dereito á libre determinación dos pobos recóllese na Carta das Nacións Unidas (San Franscisco, 1945) e é posteriormente ampliado como un dos principios fundamentais do Dereito Internacional a través da Resolución 2625 da Asemblea Xeral das Nacións Unidas (1970). Porén, malia constituír un dereito esencial para calquera pobo do mundo, moitos --entre eles o galego--, seguen sen poder exercer a súa soberanía plena e sen seren recoñecidos como suxeitos de dereito pola, denominada, comunidade internacional --nomeadamente pola UE--. 

Segundo a Fundación Galiza Sempre, o obxectivo do seminario é “reflexionar e facer propostas sobre a construcción de Europa” partindo do respecto aos dereitos colectivos das nación sen estado. Após a multitudinaria marcha o pasado 11 de setembro en Barcelona, o debate pretende botar luz sobre a realidade dunha Europa na que moitos dos pobos que a compoñen non contan coa soberanía nacional. Procurar solucións e abordar novos modelos de estado serán algúns dos asuntos a tratar no Parlamento europeo.

Neste senso, entre @s relator@s atópanse a eurodeputada do Bloque Nacionalista Galego, Ana Miranda; Gemma Calvel, xurista catalá; o exdeputado da Asemblea Nacional do Quebec, Daniel Turp e representantes de organización políticas como ERC ou a esquerda abertzale. Aliás, Xabier MAcias, director da Fundación Galiza Sempre e presidente do Centre Maurits Coppieters, moderará o debate.

Comentarios