A dereita, contraria á integración na UE, volve ao poder en Islandia

Foi este rexeitamento o factor que lles devolveu o mando ás dúas formacións responsábeis da ruína económica do país coa coaligación con que gobernaron entre 1995 e 2007. A esquerda perdeu máis da metade dos seus apoios por apoiar a confluencia na UE

photo_camera Benediktsson, líder do Partido da Independencia [SG]


A dereita volveu ao poder en Islandia, e fíxoo con máis forza da cal tiñan antes. Nas eleccións celebradas esta fin de semana o Partido da Independencia, dirixido por Bjarni Benediktsson, obtivo 19 escanos, tres máis dos que lograra anteriormente. 

O seu socio, o liberal Pardido Progresista, logrou 17, até oito máis. Os dous partidos son os responsábeis da ruína do país coa coligación que formaron entre 1995 e 2007, para alén de seren ambas forzas políticas claramente contrarias á integración de Islandia na Unión Europea. Semella xustamente que foi este factor o que deu a vitoria á dereita, perante o apoio da esquerda a se integraren na UE. 

Así as cousas, a vitoria da dereita paralizará dúas das apostas do goberno que dirixiu Islandia nos últimos catro anos: o proceso de integración na UE e a aprobación da chamada 'Constitución 2.0'. O programa do Partido da Independencia destaca que perseguirán unha boa relación con Europa, mais non a integración na UE; na mesma liña vai o programa do Partido Progresista, subliñando que os intereses islandeses se defenden mellor desde fóra da UE. Para as dúas formacións é dabondo xa co tratado comercial subscrito con Bruxelas, con ser parte da Asociación europea de libre comercio e con formar parte do espazo Schengen. 

Que foi da primeira ministra, Jóhanna Siguröardóttir? O seu partido, Alianza Socialdemócrata sufriu un duro retroceso e colocouse como terceira forza máis votada, con nove asentos, os mesmos que colleitou o que até agora foi socio seu no goberno, os Verdes. A formación socialista perdeu máis da metade dos seus apoios e once escanos; os Verdes quedaron con cinco menos respecto dos que tiñan. Outros dous partidos novos entraron no Parlamento islandés: Futuro Brillante, encabezada polo humorista e alcalde de Reikiavik Jón Garr, que foi disfrazado de mestre Jedi, o personaxe de Star Wars; e o Partido Pirata, que conseguiu catro deputad@s.

Comentarios