A Comunidad de Madrid obriga @s desempregad@s a traballaren gratis para as institucións públicas

Até 100 traballador@s poderán ser chamados por cada concello madrileño sen lle facer un contrato nin cotizar por el@s á seguridade social. Porén, a persoa non se poderá negar se quere manter a prestación que cobra

photo_camera [Imaxe: SG]


A Comunidad de Madrid obrigará as persoas que están no desemprego a traballaren de balde para os concellos namentres cobren a prestación. Até oito horas diarias, unha xornada laboral completa. Será en virtude dun "plan de colaboración social" que se aprobou esta semana e que non conta co apoio das centrais sindicais, ao consideraren que a medida fomenta o emprego somerxido para evitar contratar @s traballador@s necesari@s para cubrir as vacantes que os recortes e a pretendida austeridade deixaron nas institucións públicas.

En virtude do plan elaborado polo goberno que lidera Ignacio González e que xa foi publicado no Boletín da Comunidade Madrileña, polo que entrará en vigor "nos vindeiros días", os concellos poderán solicitar até cen empregad@s no mes que vén e serán premiados con subvencións públicas. A consellaría de Emprego di que así "os parados non se oxidan" e que esta actividade é "un complemento" á axuda económica que reciben e suporá "un reforzo da formación", malia que unicamente lles impartirán formación durante 60 horas en seis meses, 10 horas ao mes. 

Os traballos que se lles encomendarán serán "de interese xeral" e irán desde a rehabilitación de vivendas, vixilancia, reparación de rúas, xestión de residuos ou prevencións de incendios. Non serán contratad@s nin tampouco estarán dad@s de alta na seguridade social. 

Malia que esta práctica vén fomentada pola contrarreforma laboral aprobada polo Goberno español, está amparada nun real decreto que data de 1982 e a súa definición e orientación é moi similar aos traballos en beneficio da comunidade que o Código penal contempla para persoas condenadas, como alternativa a unha pena de cárcere. Cunha particularidade: estes últimos deben contar sempre co consentimento d@ penad@. Porén, @s desempregad@s madrileñ@s terán que os aceptar se queren seguir recibindo a prestación.

Comentarios