A caverna mediática española cébase coa morte "do caudillo"

A dereita mediática española -ABC, La Razón, El Mundo- pon en dúbida a información do Goberno venezolano sobre a morte de Chávez e acusa o líder falecido de "comprar o voto das clases sociais menos favorecidas" para xustificar as súas vitorias nas urnas. ABC, La Razón e El Mundo, mas tamén El País, coinciden ao cualificar a Chávez de "caudillo", termo que no Estado español remite á ditadura franquista.
A morte de Chavez na prensa


"Somos tan xefes de Estado o indio Evo Morales como o rei Juan Carlos de Borbón e eu". Espetoullo Hugo Chávez ao seu homólogo español o mesmo día en que o Borbón proferiu a frase que deu a volta a medio mundo: 'por que no te callas?'

Porén, malia que estamos a falar de dous xefes de estado e que o bolivariano, a diferenza do español, chegou ao seu cargo após repetir maioritarias vitorias nas urnas, onde chegou a colleitar máis do 68% dos votos, o tratamento mediático que a imprensa española vén de lle outorgar á morte de Chávez dista moito do que podemos prever recibirá, cando se producir, o falecemento do Rei. Caudillo, termo que no Estado español vai da man do ditador Franco, é a palabra común a todas as informacións da caverna mediática.

  • ABC: 'Hugo Chávez. Apagouse a estrela do caudillo bolivariano"

ABC desacredita a tese de Maduro segundo a cal Chávez tería sido envenenado e atribúe a acusación do vicepresidente venezolano [que dixo non ter dúbidas a ese respeito] á "atmósfera conspirativa" en que, segundo argumenta o rotativo católico e monárquico, estaría instalado o Goberno bolivariano. Dubidan de que falecese en Caracas á hora que informou Maduro e sinalan que morreu en Cuba e nove horas antes de que o vicepresidente saíse falando pola televisión.

Na mesma información, o xornal católico quéixase tamén "do secretismo" que arrodeou as catro operacións ás cales foi submetido desde xuño de 2011 e fan fincapé na revolta que encabezou para apartar do poder a Carlos Andrés Pérez após observar como, en 1989, milleiros de manifestantes foron masacrados polas forzas do exército no chamado Caracazo.

ABC repasa estes acontecementos referíndose ao "pasado golpista" e di que no golpe de estado que o industrial e presidente da patronal Pedro Carmona o apartou do poder durante dous días Chávez "probou a súa propia medicina". Nada din sobre o secuestro que enfrontou daquela, nin sobre @s chavistas tirotead@s, nin sobre as masivas mobilizacións populares que tomaron o palacio de Miraflores, a onde Chávez voltou 48 horas despois cun memorábel discurso apelando "á calma".

Unha imaxe principal moi escura, en que apenas se distinguen os riscos faciais do mandatario bolivariano, vai acompañada dun breve artigo en que aparecen frases como "disfrutaba expropiando", "líder populista con veleidades autoritarias" ou o apoio brindado a Evo Morales cando pronunciara en público que "Eu tamén mastigo coca!". Máis dúas imaxes, desta volta dun Chávez xa sen pelo por mor dos tratamentos de quimioterapia e outra lendo o Gramma coas súas fillas ilustran un artigo intitulado 'Un gran ego que se resistiuu a soltar o poder para se curar'. 'Naceu golpista, morreu ditador' e 'Para o narcisista morrer é impensábel' son outras opinións que publica ABC.

  • La Razón: 'Chávez. La muerte del caudillo'

Repite na portada a mesma foto que ABC colocaba no interior do xornal e coloca na peza central a fotografía dun bar de Caracas en que un grupo de partidari@s de Hugo Chávez ouven pola televisión o discurso de Maduro e a nova da morte do comandante. Reiteran os mesmos dados xa recollidos a respecto do diario católico: que o pasamento foi anunciado nove horas despois de se producir e que o chavismo culpa os Estados Unidos do cancro que padecía o líder bolivariano. Porén, colocan unha imaxe do hospital militar da capital, "onde está internado Chávez", recoñecendo que a información transladada ao pobo é certa.

Os comicios convocados para dentro de 30 días analízanos nun texto en que afirman que "a elección está en perigo" e que "non existe unha conexión emocional entre Maduro e o pobo como pasou con Chávez".

  • El Mundo: 'Maduro converte a morte de Chávez nun asasinato imperialista'

Unha foto de moi má calidade recolle o momento en que Maduro anuncia en televisión a morte de Chávez acompañado de militares e membr@s do goberno. Dedícanlle o editorial, en que tildan a reacción do vicepresidente ao achacar o cancro "a inimigos externos", de "disparate cunha clara intencionalidade política": preparar a opinión pública para o falecemento do comandante "se este non se producira xa".

"Chávez empregou os petrodólares para comprar o voto das clases sociais menos favorecidas, mais non conseguiu frear o avance da pobreza nas zonas máis castigadas de Caracas nin dar unha vivenda digna a quen non tiña medios suficientes", sinala o texto de El Mundo, obviando que a taxa de desemprego baixou do 16,1% rexistrado en 1999 até o 7,3% de setembro de 2012 e a satisfacción de necesidades básicas medrou en nove puntos nos anos que Chávez presidiu o país.

A información interior, máis do mesmo: 'O camaleón que quixo ser Bolívar' ou 'A herdanza envelenada' son algúns dos titulares que coloca, sinalando que os comicios anunciados polo vicepresidente Maduro se realizarán "nun escenario de auténtico desastre económico", malia recoñecer como "realidade incuestionábel" dados como que o número de persoas que acceden á universidade se dobrou en oito anos ou a redución da pobreza extrema nun 70%.

  • El País: 'A enfermidade derrota Chávez'

É ese o titular de portada que acompaña unha imaxe dun Chávez pensativo correspondente ao ano 2000, "na celebración do oitavo aniversario do seu fallido golpe de estado". 'O crepúsculo dun caudillo avasallador' e 'Un golpista que triunfou nas urnas' son algúns dos titulares que leva á capa o xornal que pagou por volta de 20 mil euros a unha axencia mexicana por unha foto falsa que mostraba o líder bolivariano entubado na cama dun hospital co encabezado 'O segredo da enfermidade de Chávez'.

O diario español ofrece a imaxe dun líder ególatra e megalómano destacando frases como "despois de min o baleiro, o caos, dixo en 2009, seguro de ser imprescindíbel" ou repasando o perfil dos seis homes próximos a Chávez, aos que cualifica de "delfíns" e lles atribúe "probas de paciencia" sinalando que o mandatario se asegurou "de que ningún destacase".

Comentarios