Quince estudantes desafían o sistema de ensino francés ao facer o exame de matemáticas en bretón

Arríscanse a suspender a proba por responder na súa lingua, e lingua propia de Bretaña, e non en francés. Os estudantes reciben numerosos apoios desde diferentes campos da sociedade bretoa, do cultural ao político.

bretón breizh carhaix
photo_camera Imaxe: Bak e brezhoneg

Non foi un acto fortuíto, foi un acto intencionado: facer as probas de bacharelato de matemáticas en bretón. Esa foi a decisión de 15 estudantes bretóns de bacharelato de Karaez-Plougêr, un pequeno concello do apenas 10.000 habitantes que fai parte do departamento de Fisterra . Algo que pode parecer en principio tan inocuo vén de provocar toda unha treboada en Bretaña e Francia, pondo a París perante o espello do seu centralismo e uniformismo lingüístico.

“Pasar a proba en bretón é un paso máis para salvagardar a nosa língua”

Estes estudantes bretóns seguiron aquela máxima de Victor Hugo Creo o que digo, fago o que creo”. Alumnos das Diwan, un sistema que permite cursar en bretón os 15 anos de escolarización obrigatoria en Francia, atopáronse que na realidade hai atrancos para esa opción: as probas do bacharelato téñenas en francés. A lingua do Estado, a lingua culta, a lingua do ensino. “É incoherente”, denuncian os alumnos nun texto para recoller apoios nas redes sociais. Probas de materias como Xeografía e Historia pódenas facer en bretón. Mais Matemáticas, Ciencias Sociais ou Economía, non, estas teñen que ser en francés. Perante esta discriminación plantáronse estes 15 estudantes. “Pasar a proba en bretón é un paso máis para salvagardar a nosa língua”, argumentan.

Fixeron os exames de matemáticas en bretón após pedir, en maio, que se facilitase poder realizar as probas nesta lingua, ao que o Reitorado se negou. Non achantaron os 15 alumnos e chegado o día, a finais de xuño, responderon o cuestionario na súa lingua sabendo que se expuñan a poder ser suspensos . Os medios bretóns informaron que os correctores dos exames recibiron instrucións de corrixir só as respostas numéricas da proba, e non aquelas partes escritas. Foi a pinga que rebordou o malestar: en menos de 48 horas recolléronse máis de 5.000 sinaturas en apoio aos ’15 de Karaez’. Até o presidente da rexión de Bretaña, Loïg Chesnais-Girard, solicitou ao ministro de Educación francés que autorizase a corrección destes exames igual que fai cos realizados en francés.

“Para nós é unha cuestión lóxica: estudamos en bretón desde a nosa infancia, pensamos en bretón, como poden avaliar o traballo que realizamos ao longo da nosa escolaridade se se nos impide realizar o bacharelato en bretón?”, preguntan na exposición de motivos na súa petición de apoios nas redes sociais.

Comentarios