A agresión de Israel contra a Faixa de Gaza xa custou a morte a 127 palestinian@s

A cifra de ferid@s xa atinxe perto dun milleiro, por mor dos bombardeos contra vivendas e edificios de uso civil. Hamás informa dunha posíbel tregua a partir desta medianoite que Israel non confirma. O Estado hebreo tería desbotado --polo momento-- unha invasión terrestre que só apoiaría o 30% da súa poboación.
Palestino cunha crianza morta nos brazos [Foto vía: @RealHaris]
photo_camera Corresponsal da BBC coa súa crianza asasinada polo exército sionista [Foto vía: @RealHaris]

A operación “Alicerce Defensivo” atinxe xa 127 vítimas mortais entre a poboación palestina, a maior parte destes civís e un número importante de crianzas. Aliás, as cifras aproxímanse xa ao milleiro de feridas e feridos. Eis o balanzo da ofensiva militar de Israel contra a Faixa de Gaza, en que se contabilizan máis de 1350 ataques polo exército israelita nestes seis días, con bombardeos contra edificios civís como vivendas, estadios, centros administrativos e mesmo sedes de medios de comunicación árabes.

Invasión terrestre ou tregua?

Francia, Reino Unido e Alemaña fixeron tímidos movementos diplomáticos tendentes a evitaren unha invasión terrestre que só contaría co apoio dun 30% da cidadanía de Israel. Nas últimas horas varias informacións apuntan a que Israel desbotaría polo momento unha intervención militar por terra.

Aliás, a mediación exercida polo presidente de Exipto, Mohamed Mursi, podería frutificar nunha tregua a partir desta medianoite, segundo informou a organización palestiniana Hamás. Porén, desde Israel negan que estea pechado tal acordo. Hamás xa anunciou previamente unha tregua que encetaría ás 20:00h e sería efectiva a partir das 23h.

Reaccións internacionais

A ofensiva, tachada por numerosas voces como “imperialista”, mereceu xa a condena de numerosas organizacións internacionais. A Organización Mundial da Saúde, OMS, expresou estar profundamente preocupada pola situación na faixa de Gaza, no referido ao impacto “na vida e na saúde da poboación civil” desa rexión de Palestina e solicitou o envío de dez millóns de dólares en axuda. O Mercosul, integrando por doce países fundamentalmente de América Latina, condenou pola súa banda a ofensiva amosando a súa “preocupación polo uso desproporcionado da forza” por parte de Israel e instaron a que o Consello de Seguridade das Nacións Unidas interveña para frear o masacre, petición en que tamén se reiterou a presidenta do Brasil Dilma Rousseff. En termos semellantes expresouse Ban Ki-Moon. O Secretario Xeral da ONU, quen se desprazou até O Cairo (Exipto) para tentar mediar, exixiu un cesar-o-fogo inmediato. Tamén o Consello Mundial da Paz pediu a fin das hostilidades contra do pobo palestiniano.

En contraste coas posicións internacionais máis comprometidas cunha solución inmediata que poña fin a agresión militar de Israel, como a expresada polo presidente turco que cualificou o Estado hebreo de “Estado terrorista”, as principais potencias occidentais amosaron unha morneza que numerosas voces cualifican de “cómplice”. Así, a Unión Europea limitouse a reclamar unha solución mais declinou condenar a operación bélica. A OTAN, pola súa banda, xustificou a actuación de Israel afirmando “ter dereito a defenderse” malia pedir que o faga con “contención”, en termos case calcados aos utilizados por portavoces da administración norteamericana de Barack Obama.

Reclaman que o Estado español actúe para frear o “xenocidio”

Na mesma liña o presidente do goberno español, Mariano Rajoy, limitouse a pedir “moderación” nas accións militares do Estado sionista. Neste sentido, o BNG vén de solicitar no Congreso a comparecencia do ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel García Margallo, para lle pedir contas das xestións realizadas polo executivo central a nivel europeo e internacional para poñer fin á situación en Gaza. As deputadas nacionalistas, Olaia Fernández e Rosana Pérez, xustificaron esta solicitude para forzar ao ministro a explicar se o goberno español “condena ou non os ataques de Israel e se está decidido a desempeñar un papel activo para evitar máis mortes de inocentes na faixa de Gaza”. “A Comunidade Internacional e a UE non poden seguir impasíbeis perante o que está perpetrando Israel que ten o perfil dun auténtico xenocidio. Desde logo, ten que parar as ansias de Netanyahu de proceder a unha invasión terrestre con tanques que provocaría moitas mortes” acrecentaron.

A fronte nacionalista anunciou tamén que participará dos actos do Día Internacional de Solidariedade co Pobo Palestiniano que terán lugar en Madrid esta cuarta feira.

O BNG xa fixo parte, xunto a outras organizacións políticas, sindicais e sociais, das concentracións convocadas a segunda feira en doce cidades e vilas de Galiza para condenaren a agresión e onde se reclamou que o Estado poña fin ás relacións diplomáticas e económicas con Israel.

Comentarios