A abstención en Chile marca un índice histórico nas eleccións municipais

As primeiras eleccións após a derrogación do voto obrigatorio sitúan a abstención nunha cifra récord en que case o 60% do electorado non exerceu o dereito ao sufraxio pasivo. Aliás, os resultados electorais pasan factura ás políticas do presidente Piñera e reflicten a desafección do electorado co sistema político e económico do país. 
Manifestación estudantil Chile
photo_camera Manifestación estudantil en Chile

As eleccións municipais chilenas, que tiveron lugar esta segunda feira, remataron cuns resultados en que o máis salientábel foi o nivel de abstención entre o electorado. Dos máis de 13 millóns de persoas que estaban chamadas ás urnas, só o 40% da poboación (5.476.947 votantes) acudiu finalmente aos colexios electorais para depositar o seu voto. Neste sentido seis de cada dez persoas decidiron finalmente ficar na casa e non exercer o dereito a elixir entre as cadidaturas que concorrían aos comicios. Malia que nas anteriores eleccións municipais desenvolvidas en 2008, o índice de participación se situaba arredor do 59,6% --a cifra máis baixa desde 1992, nas presidencias de 2009 a abstención non superaba o 12%.

Só o 40% da poboación (5.476.947 votantes) acudiu finalmente aos colexios electorais

Do voto obrigatorio ao voluntario
Estes eran os primeiros comicios en que a poboación chilena non estaba obrigada a votar. Após a modificación da lei electoral, os datos superaron todas as previsións e alcanzaron unha cifra récord. Segundo a prensa chilena, o nivel de abstención “sorprendeu o mundo político e o goberno” que animaron a cidadanía durante a xornada electoral a votar; mais tamén rachou coas previsións das principais enquisas que apuntaban cara a un índice non superior ao 46%, no peor dos casos. Pola súa banda, Juan Ignacio García, director do Servizo electoral da República de Chile (Servel), que estimaba unha abstención do 30%, asegurou estar “tranquilo” cos resultados pois segundo el “nas eleccións municipais hai polo xeral unha maior abstención”.

Os resultados pasan factura ao goberno de Piñeras 
O elevado índice de abstención deberá ser tomado en consideración polas principais forzas políticas do país, após reflectir unha importante desafección da cidadanía co sistema político chileno, porén os resultados electorais amosan, aliás, un claro descenso no número de apoios á Alianza por Chile –coalición da dereita liderada polo actual presidente Sebastián Piñera. Entrementres a oposición aumentou o número de alcaldías, pasado de 147 a 168 comunas, os oficialistas de Piñera perderon 23 municipios. Malia todo, o presidente chileno aprobeitou o seu discurso para enviar unha mensaxe ás demais forzas políticas asegurando que “deberán esforzarse” se queren conseguir os seus propósitos, pois dixo, “estas non son as últimas eleccións”. 

 Os resultados electorais amosan un claro descenso da dereita e do presidente Piñera 

As políticas privatizadoras desenvolvidas polo goberno chileno durante os últimos anos custáronlle fortes procesos mobilizadores ao longo dos últimos meses, principalmente entre o movemento estudantil. Porén, ás protestas sumáronse gremios sindicais de diversos sectores convertendo as manifestacións nas máis multitudinarias desde 1990. Os movementos sociais e sindicatos exixen un cambio de rumbo nas políticas gobernamentais, mais tamén na oposición, que rachen co modelo liberal imposto na Consitución de 1980 e pulen por unha outra estrutura económica que dea solución aos principais conflitos do país. 

Comentarios