Cuba ten nova Constitución, un texto legal que reempraza ao vixente no país desde 1976. As novidades básicas na lei de leis é o recoñecimento explícito do papel do sector privado na economía —sempre subordinado á planificación central—, a limitación de mandatos do chefe do estado —dous períodos de 5 anos— e a criación da figura do primeiro ministro.
Cuba apostaría agora nun modelo de lideranza máis descentralizado e con menos concentración de poder nunha persoa, após décadas de dirección do país a cargo da xeración fundadora da República popular, capitaneada primeiro por Fidel Castro e despois polo seu irmán, Raúl.
A participación no referendo foi alta, ao alcanzar 86 por cento do corpo electoral, aínda que ficou aquén da rexistada no anterior referendo constitucional, o que selou a aprobación da carta magna de 1976. Naquela altura votara 98 por cento das persoas con dereito a voto.
Este domingo, 6,8 millóns de cubanos —86,8 por cento— votaron a prol da nova Constitución, en tanto que 706 mil —9 por cento— o fixeron en contra. 2,5 por cento dos sufraxios foron en branco e 1,6 por cento foron votos nulos.
En 1976 o grao de apoio á Constitución fora maior, 97,7 por cento. Daquela a oposición interna ficara en números residuais, apenas 1 por cento votara contra a Constitución.
A nova equipa dirixente do país, liderada por Miguel Díaz Canel, mostrou a súa satisfacción polo referendo e subliñou a alta participación popular nas asembleas previas habidos en todo o país co texto do proxecto constitucional submetido a debate.
#SomosCuba y tenemos nueva Carta Magna. Al refrendarla con el 86,85 porciento de los votos, #Cuba rindió hermoso tributo a la historia nacional este 24 de Febrero con el #VotoSí. FELICIDADES CUBANAS Y CUBANOS. #SomosCuba#SomosContinuidad pic.twitter.com/neULedLih7
— Miguel Díaz-Canel Bermúdez (@DiazCanelB) 26 de febreiro de 2019