CATALUNYA

80% das e dos cataláns, a favor dun referendo pactado

Un 80,4% das e dos cataláns son favorábeis á convocatoria dun referendo acordado entre a Generalitat e a Moncloa para votar sobre a independencia de Catalunya. Un 15,4% son contrarios e o 4,2% non sabe ou non resposta.

urna catalunya referendo dani candal
photo_camera [Imaxe: Dani Candal]

Pedro Sánchez, presidente do Goberno español, vén de emprazar as forzas independentistas catalás a facerlle chegar unha proposta que reúna, cando menos, o 75% do Parlament e así poder abordar a situación política que vive Catalunya. Este domingo o diario en papel Ara publica unha enquisa elaborada polo Institut Opinometre que demostra que se superaría ese 75% de apoio. E é que segundo a sondaxe realizada polo xornal, “80,4% dos cataláns amósanse favorábeis á convocatoria dun referendo acordado entre a Generalitat e a Moncloa para votar sobre a independencia de Catalunya”.

O referendo concita o apoio do 97% do independentismo e de 61% das persoas que se opoñen á independencia, segunda este estudo. Aínda que a dirección do PSC é contraria ao referendo sobre a autodeterminación, 71% de quen se decantou polos socialdemócratas o 21-D están de acordo co referendo pactado. Opóñense de maneira maioritaria as persoas votantes de PP e C’s, aínda que 24% de quen apoiou o partido laranxa, opta pola consulta.

Na anterior enquisa que publicara Ara en setembro de 2017 –co 1-O no horizonte– as persoas partidarias do referendo chegaban a 70%, aínda que, tal e como advirte o xornal, a pregunta non era exactamente a mesma, pois non especificaba que a consulta debía ser pactada co Estado. O barómetro do Centro de Estudos de Opinión de xullo de 2018 –o último que preguntou polo referendo– recollía un apoio do 71%, mais “sondaxes publicadas nos últimos anos por outros medios de comunicación xa asumiron noutras ocasións que esta porcentaxe podería achegarse ao 80%”, sinala Ara.

Contra a represión

Tamén supera o consenso do 75% apuntado por Pedro Sánchez o rexeitamento á represión das e dos líderes políticos e a unha nova intervención da Generalitat por parte de Madrid. Practicamente 8 de cada 10 persoas son contrarias á prisión provisional das presas e presos políticos e unha porcentaxe semellante oponse tamén a que xulguen as persoas impulsoras do referendo do 1-O por rebelión.

En canto ao Tribunal Supremo, que é quen instruíu a causa contra as presas e presos políticos, 63% das persoas enquisadas cre que foi parcial e un 25% considera que actuou de maneira correcta.

Aliás, a enquisa de Ara sinala que só o 20% da poboación referendaría a constitución española nos seus termos actuais.

E os resultados?

De celebrarse un referendo, segundo a enquisa, o si á independencia acadaría o 47,7% do apoio. Curiosamente, nas eleccións do 27 de setembro de 2016, a coalición Junts Pel Si e a CUP sumaran o 47,7% dos votos, e o 21 de decembro de 2017 a suma fora do 47,5% das papeletas. O 36% votaría en contra da independencia; o 5,6% votaría nulo ou en branco e o 10,7% non decidiu o seu voto ou non contesta.

Segundo os resultados desta enquisa, entre quen votaría que si (47,7%) un 38,4% cre que a vía principal é a da unilateralidade e o 51,8% considera que debe insistirse na negociación e na presión política para poder facer o referendo. Só un 4% optaría por renunciar á consulta e negociar máis autogoberno.

Protestas contra o Consello de Ministras

O estudo é publicado cando resta menos dunha semana para que o Consello de Ministras se reúna en Barcelona. Precisamente, Òmnium Cultural convocou un “Consello Popular de Ministros” para esta sexta feira 21 de decembro perante a Estación de Franza de Barcelona, perto de onde terá lugar a xuntanza do Goberno español. A entidade cultural chama á mobilización contra a presenza do executivo de Sánchez en Catalunya.

Aliás, entre outras protestas contra a presenza do Goberno da Moncloa en Catalunya está a greve de dúas horas convocada pola Intersindical CSC; unha marcha lenta de vehículos para colapsar a cidade proposta pola ANC e accións por concretar que desenvolverán os CDR.

Comentarios