Unhas 80.000 persoas saen á rúa en Barcelona para apoiar os cargos eleitos perseguidos

Os cargos políticos cataláns independentistas investigados por defenderen o proces soberanista non están sos. Así llo fixeron saber unhas 80.000 persoas, segundo dados da Guàrdia Urbana, que se manifestaron na mañá do domingo en Barcelona para amosaron o seu apoio.

[Imaxe: @BertaTrullas]
photo_camera [Imaxe: @BertaTrullas]

“Pola democracia. Defendemos as nosas institucións” foi o lema baixo o que se desenvolveu o domingo ao mediodía unha grande manifestación na avenida Maria Cristina de Barcelona. A concentración fora convocada polas entidades soberanistas para  protestar pola xudicialización da política catalá.

No acto, conducido polo cantante do grupo Lax'n'Busto, Salva Racero, apelouse á necesidade de "defender os nosos dereitos de forma pacífica pero firme" e a lograr "un país onde ningún dereito fundamental sexa perseguido, onde os cargos eleitos poidan traballar polos dereitos de todos, en definitiva, queremos poder traballar por un futuro mellor para todos” e “pola República catalá”.

Ao inicio da mobilización, os actores Marc Martínez, Mercè Martínez e Pep Ferrer deron conta de todas as leis do Parlament tombadas polo Tribunal Constitucional español, así como dos responsábeis políticos investigados por defenderen a independencia. Lembraron que, en total, hai 407 procesos xudiciais abertos.

Entre apelacións ao civismo e a democracia, tanto Òmnium Cultural como ANC aseguraron que “non ficaremos quietos cando o Tribunal Superior de Xustiza Catalán intente sacar a nosa presidenta do Parlamento” e “non ficaremos indiferentes cando leven a xuízo Mas e os membros do seu Goberno”.

O momento máis emotivo da mañá tivo lugar cando Mercè Martínez cantou L’estaca acompañada das persoas que acudiron á chamada das entidades soberanistas.

Comentarios