domingo 25/07/21

O 75% dos casos activos da Covid-19 afectan a persoas menores de 40 anos

O Ministerio de Sanidade fai esa estimación e alerta, a través do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, de que "os casos seguen aumentando" en todos os grupos de idade.
Un instante da rolda de prensa do CCAES desta segunda feira. (Foto: R. Rubio / Pool / Europa Press) #coronavirus #sanidade #contaxios #epidemioloxía #covid19 #ccaes #alerta #sanitaria #pandemia
Un instante da rolda de prensa do CCAES desta segunda feira. (Foto: R. Rubio / Pool / Europa Press)

A directora adxunta do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES), María José Sierra, vén de comunicar esta terza feira que até o 75% dos casos da Covid-19 activos e que se están a diagnosticar nestes días, durante a quinta onda, corresponden a menores de 40 anos.

En substitución do director do CCAES, Fernando Simón, Sierra advertiu de que "os casos seguen aumentando" en todo o territorio español. Desta forma, sete "comunidades autónomas están por encima dunha incidencia de 500".

Aliás, as peor paradas son Catalunya, Castela e León e Nafarroa, que se atopan por encima de 800.

A pesar de que, para as expertas e expertos, as persoas maiores de 40 anos teñen unhas incidencias "moi inferiores", a epidemióloga advertiu de que "a incidencia está a aumentar en todos os grupos de idade".

Ante o ritmo de aumento da evolución epidemiolóxica, prevén "cifras preocupantes" en ingresos hospitalarios en próximas semanas. Sen chegar á presión asistencial doutras ondas, na Galiza xa aumentou a demanda de camas.

Neste contexto, a responsábel do centro de coordinación advertiu de que se produciu un 65%de aumento na ocupación de camas hospitalarias na última semana e do 45% nas unidades de coidados intensivos (UCI).

"Aínda que a velocidade de ascenso dos casos está a diminuír, seguimos nun momento moi delicado no que todos deberiamos ter moita precaución. O virus segue circulando dunha forma ampla. Temos unha circulación de virus importante neste momento", resumiu Sierra.

comentarios